CAMELIAS MASCOTAS

O Museo Marco, unha das dez mellores iniciativas culturais galegas do 2022

O Observatorio de la Cultura, unha iniciativa das asociacións La Fábrica e Fundación Contemporánea, inclué o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o Marco, entre os dez proxectos máis salientables da cultura galega. Tamén aparecen nesta lista o Festival Sinsal (Redondela) e o Festival de Cans (O Porriño). Podes consultar aquí o informe completo.

Imaxe da exposición de Francisco Leiro no Marco o día da súa inauguración en 2022 | P. Vázquez

Como cada ano por estas datas chega a lista dos mellores proxectos culturais no chamado Observatorio de la Cultura, unha proposta de La Fábrica e a Fundación Contemporánea. Esta publicación elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas e cidades, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano ou á evolución anual dos orzamentos das organizacións do sector. Ante un ano electoral en que van renovarse un bo número de gobernos municipais, preguntouse así mesmo aos expertos consultados polas carencias da cultura en cada unha das súas cidades.

Nesta nova edición do Observatorio o cuestionario foi contestado, durante os meses de decembro de 2022 e xaneiro de 2023, por 405 membros do panel, dos que un 52,8% traballan nunha organización cultural pública, un 30,4% nunha organización cultural privada e o 16,8% como profesionais independentes do sector: escritores, artistas, directores e actores, músicos, arquitectos e creadores de todos os campos; responsables de fundacións, directores de museos, teatros, centros e institucións culturais; editores, produtores, promotores, galeristas e responsables de industrias culturais, comisarios de exposicións, directores de festivais, xestores culturais e profesionais do sector, así como responsables de áreas e institucións culturais da administración pública central, autonómica e municipal.

REVISTA NOVEMBRO

Galicia sitúase na sexta posición nunha lista que valora a calidade e innovación da oferta cultural en 2022, con dous puntos máis respecto ao 2021. Deste xeito a nosa comunidade consigue a súa mellor valoración histórica desde a creación do Observatorio, en 2009.

Xa a nivel galego existe unha listaxe que inclué 20 iniciativas culturais, que poden ser festivais de música, teatro ou de cine; museos, agrupacións musicais e demais proxectos relacionados co eido da cultura. A diferenza do ano pasado, Vigo aparece representada grazas ao labor do Museo Marco e, especialmente, da exposición sobre Francisco Leiro. O museo público aparece situado en oitava posición, empatado a puntos co Auditorio de Galicia e o festival de teatro Escenas do Cambio, ambos de Santiago. Curiosamente Vigo non aparecía nesta recompilación desde 2017, cando tamén o Marco ocupou a sétima posición, algo salientable pois a cidade olívica non carece de iniciativas culturais tanto públicas como privadas: Primavera do Cine, Festival de Cine Inclusivo, Galician Freaky Film Festival, Multicines Norte, TerraCeo, Vigocultura, Teatro Ensalle, Sala Ártika, The Wild Fest, Festival Underfest, Festival Latitudes, Orquestra Clásica, Orquestra Vigo 430, Máis que Blues, Cineclube Lumière, Teatro Afundación, Auditorio Mar de Vigo, Vigo en Festas, etc.

Na lista que recolle a calidade e innovación da oferta cultural en 2022 das cidades españolas Vigo sitúase no posto 26, detrás doutras urbes galegas como Santiago (15) e A Coruña (10). De feito, estas dúas cidades son as máis representadas na lista das 20 iniciativas culturais con oito no caso da capital galega e catro no da cidade herculina. Na nosa área metropolitana atopamos dous festivais que xa son habituais nesta selección: o Festival Sinsal, que se celebra na Illa de San Simón (Redondela), en 2ª posición; e o Festival de Cans, que se celebra nesta vila porriñesa, en 3ª posición. Tamén destaca ABANEA, o Festival de Danza e Movemento de Gondomar, entro os novos proxectos máis destacados de 2022.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.