Poty Castillo fará que Vigo baile esta fin de semana
O baile vai ser un dos grandes protagonistas esta fin de semana. O sábado e domingo celébrase no Mar de Vigo a sétima edición do Vigo Porté, que reunirá a máis 1.500 bailaríns e que, unha vez máis, contará con Javier Castillo ‘Poty’ como mestre de cerimonias e presidente do xurado.
Os amantes do baile están de noraboa, volve o Vigo Porté e chega con máis forza que nunca. Máis de 1.500 bailaríns de Galicia, Asturias, León, Madrid e Portugal nactuarán ao longo da fin de semana. En total os asistentes poderán presenciar 236 espectáculos diferentes entre o sábado e o domingo. Unha das novidades desta edición é que incorpora a categoría de folklore, que se suma ás de urbana, lírica e fusión.
No marco do evento disputarase o 7º Trofeo de Baile Ciudad de Vigo, que nesta ocasión repartirá máis de 9.000 euros en metálico. As categorías infantil e junior celebraranse o sábado pola mañá e pola tarde respectivamente e a competición absoluta terá lugar na xornada do domingo.
Outra das novidades desta edición é que se celebrará unha gran gala para pechar o evento o domingo a partir das 20:00 horas. Por primeira vez o público poderá presenciar xuntas as coreografías gañadoras nas distintas disciplinas categorías de cada categoría e os tres premios Vigo Porté. Nesta gala tamén participarán bailaríns profesionais como Mario & Cristian co seu show de danza urbana ou o espectáculo de danza contemporánea do coreógrafo vigués afincado en Madrid Xián Martínez. Pero os dous pratos fortes do evento serán os de apertura e clausura da gala. Para comezar o espectáculo, a Banda de Música de Chapela porá música en directo á coreografía da compañía de danza Porté, formada por tres das mellores bailarinas da cidade: Alejandra Teixeira, María Rial e Pau Izard. Elas son tamén as encargadas de coreografiar o show de peche, unha coreografía na que participará unha representante de cada un dos centros de danza participantes no Trofeo de Baile Ciudad de Vigo.