CAMELIAS MASCOTAS

Aberta a inscrición para o festival de videopoesía Marxe

A segunda edición Festival Internacional de Videopoesía Marxe celebrarase en Famalicão (Portugal) e Vigo en novembro, os días 10 e 19, respectivamente. As inscricións para participar están abertas ata o 15 de outubro. O evento conta con 1000€ de premios en metálico.

Marxe é un festival de videopoesía que promove a creación poética e a construción de redes entre videopoetas arredor do mundo. A primeira edición celebrouse durante novembro de 2021 na cidade de Vigo, e na edición deste ano amplían as fronteiras ata Famalicão, Portugal, dentro da programación do festival BINNAR.

REVISTA NOVEMBRO

Esta iniciativa, que chega da man do Colectivo Límites (Corpo Colectivo Transfronterizo) e a Editora Urutau co apoio da Deputación de Pontevedra, congregará a artistas da poesía e o audiovisual de diversas partes do mundo ao longo de dúas xornadas, que nesta ocasión terán lugar os días 10 de novembro en Vila Nova de Famalicão (Portugal) dentro da programación do Festival de ARTES BINNAR e o 19 de novembro en Vigo. Xornadas nas que o público poderá gozar daqueles traballos seleccionados entre as propostas recibidas no prazo de inscrición que permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro. Fieis aos valores da organización este festival aposta pola diversidade e a pluralidade estéticas e o afastamento dos convencionalismos coa intención de servir de altofalante de voces tantas veces silenciadas, de levar á grande pantalla o tantas veces invisibilizado.

As inscricións para participar xa se poden formalizar a través da plataforma FilmFreeway seguindo as seguintes bases:

  • As creacións han de ser orixinais e non premiadas con anterioridade. A súa extensión será inferior a 5 minutos.
  • Os vídeos deben ser posteriores a xaneiro de 2021
  • O videopoema debe indicar o título do poema e o nome autor/a no que se inspirou e especificar a persoa ou persoas a cargo da dirección, produción, banda sonora, guión, etc. nos seus créditos
  • O tratamento estético e visual será totalmente libre

Existen dous premios: o Marxe, de 500€ e votación popular, e o Límites, da mesma contía e otourgado por un xurado composto por integrantes do Colectivo Límites.