O festival Armadiña Rock desvela o cartel por días
O festival Armadiña Rock, que se celebrará en Combarro os días 26, 27 e 28 de agosto, fixo pública esta semana a repartición por días dos concertos. Ademais, habilitaron un formulario para a reserva de plaza na acampada que, do mesmo xeito que os concertos, é de balde.
A semana pasada anunciabamos o cartel completo do festival Armadiña Rock e hoxe desvelamos o reparto por días das distintas actuacións. Fóra dos concertos, o venres será o día no que A Banda do Patio encherá a vila de música e o sábado, pola súa banda, Combarro encherase de ferreñas grazas ás actuacións das pandeireteiras da ACDeM Armadiña e mais da Asociación do Ronsel. Para o público familiar, o venres será a oportunidade de aprender e gozar da man da asociación de artistas pontevedresas O Galpón Lab, e o sábado tocará gozar co “Consertasso nas Hortas” de Brais das Hortas.
Xa no escenario principal, a repartición queda así: o venres tocarán Desakato, MJ Pérez + banda , O Cadelo Lunático e Llegamos Tarde DJ Set; o sábado, Reincidentes, Tremenda Jauría, Rebeliom do Inframundo, Sofía Gabanna, La Quinkillada e mais Fondo Norte e, por último, o domingo será a quenda de Sheila Patricia.
Respecto á acampada, que este ano tamén será de balde da mesma forma que o resto do festival, a organización deseñou un formulario para que as persoas interesadas en pernoctar na zona da Reiboa o cubran co fin de obter unha previsión aproximada das unidades de tendas que haberá. Piden que se cubra un formulario por cada tenda, e non é preciso indicar os datos de todas as campistas.