CAMELIAS MASCOTAS

O festival de maxia Galicia Ilusiona percorre a comunidade con máis de 220 actuacións

A primeira edición do festival Galicia Ilusiona presenta un ambicioso cartel que sorprende por extensión de días e artistas programados. 30 artistas ofrecen máis de 200 shows de maxia e ilusionismo polas catro provincias galegas. Hai tanto maxia de rúa, como grandes galas en teatros, desafíos extremos e visitas solidarias a nenos hospitalizados.

O mago escapista extremo Víctor Cerro

Desde este luns, Galicia é territorio de maxia grazas ao certame Galicia Ilusiona. Un evento con envergadura suficiente para poñer Galicia no mapa da maxia europea, ao ser un dos máis grades que se celebrará no continente este 2022. Os organizadores, os magos Pedro Bugarín e Dani Polo, queren “converter a Galicia nun territorio máxico durante dous meses e poñela no centro de atención grazas a un evento de gran alcance en todos os niveis”. Todo isto apostando pola maxia galega e contando con magos galegos para unha boa parte dos espectáculos.

Durante o mes de agosto teñen lugar os desafíos de maxia extrema e grande parte das actuacións de rúa en concellos, aproveitando o bo tempo e os exteriores. Magos de todo o mundo visitan as vilas e cidades buscando deixar coa boca aberta aos traseúntes. En Vigo non hai programado ningún espectáculo de rúa, pero si nos concellos veciños. En Cangas e Moaña serán o domingo 7 de agosto en Baiona e Nigrán o 15 de agosto e tamén haberá en Mos, con data sen confirmar; o calendario completo de actuacións está dispoñible na web do evento.

REVISTA NOVEMBRO

Si poderemos desfrutar os vigueses dun dos espectáculos de maxia extrema interpretado por Víctor Cerro, un dos mellores escapistas do mundo posuidor do Récord Mundial de Maxia Extrema. Será unha función altamente impactante e visual na que o mago se xogará a vida ao escapar do interior dun forno de gas auténtico a máis de 300 graos. Esta proeza, bautizada como Desafío Vulcano, terá lugar o sábado 13 de agosto na praza superior de vialia ás 20:30h.

A Gran Gala Máxica Internacional será o prato forte do festival. En Vigo celébrase o 9 de outubro, ás 18:30h no Auditorio Mar de Vigo. As entradas xa están á venda na web do festival. Será unha gala presentada por Esther Estévez e na que se poderán desfrutar algúns dos números máis premiados e recoñecidos de todo o mundo. Estará o coreano Hyun Joon Kim, Primeiro Premio Mundial de Manipulación e a quen as cartas aparécenlle nas mans a un ritmo vertixinoso. Tamén o estadounidense Jimmy Delp, experto en maxia cómica; o francés Arno, ofrecendo un dos números máis aplaudidos e premiados da historia da maxia mundial; a china Huang Zheng, que resenta o seu galardoado número “Aire”, unha proposta coidada e poética que nos traslada ao mundo da maxia oriental. O galego Dani Polo tamén actuará na gala presentando unha das súas especialidades: as grandes ilusións. Un espectáculo no que as persoas aparecen da nada, voan ou se teletransportan…

O festival tamén levará a cabo accións solidarias, facendo partícipes do festival a nenos ingresados nos hospitais galegos. Xa que eles non poden acudir aos teatros, serán os propios magos os que se acheguen á Unidade pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro o 7 de outubro, onde representarán os seus mellores xogos de maxia sacando o sorriso dos asistentes.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.