CAMELIAS MASCOTAS

Tremenda Jauría pecha o cartel do Armadiña Rock

O Armadiña Rock, o festival que se celebrará do 26 ao 28 de agosto en Combarro, vén de anunciar o cartel ao completo coas incorporacións de Tremenda Jauría, A banda do patio, Pandeireta Armadiña e un obradoiro con O Galpón Lab. O resto da programación musical está formada por artistas como Desakato, Reincidentes, Rebeliom do Inframundo ou La Quinkillada.

REVISTA NOVEMBRO
Tremenda Jauría

O Festival Armadiña Rock anunciou nas últimas semanas a través das súas redes sociais as últimas incorporacións ao cartel deste ano: Tremenda Jauría, A banda do patio, Pandeireta Armadiña e un obradoiro con O Galpón Lab. Tremenda Jauría subirá ao escenario principal, que se instalará na Praza da Chousa, para presentar a súa última proposta musical, titulada “Todxs Igual”. O anuncio deste grupo de electrocumbia, que chegará desde Madrid, foi moi celebrado nas redes polas seareiras do festival.

As rúas de Combarro acollerán, por outra banda, a charanga de A banda do patio, quen xa pasou polo festival en varias ocasións e quen se encargará de estender a música por todos os recunchos da vila mariñeira. Outro dos anuncios foi o do grupo local Pandeireta Armadiña, cuxa primeira actuación pública foi no marco do mesmo evento xunto aos míticos Heredeiros da Crus.

Por último, a organización do festival deu a coñecer que haberá, como é habitual na súa programación, un obradoiro infantil, nesta ocasión dirixido pola asociación de artistas pontevedresas O Galpón Lab.