CAMELIAS MASCOTAS

Afundación tende unha ponte coa arte cubana contemporánea

‘Soño de navegante’ reúne case 60 obras de artistas cubanos actuáis entre os que atopamos nomes xa asentados como o de Roberto Fabelo, Manuel Mendive, Pedro Pablo Oliva e Alfredo Sosabravo xunto ao de outros artistas noveis. A exposición pode visitarse na Sede Afundación (Policarpo Sanz 24-26) ata o próximo 29 de outubro.

Viaxar a Cuba e agora posible sen necesidade de cruzar o Atlántico. Na Sede Afundación inaugurouse ‘Soño de Navegante’, unha mostra a través da que nos trasladamos ao país caribeño a través das cores, as formas e as simboloxías. Está presente na mostra o etnicismo, as tradicións pagás e tamén eses lazos comúns que unen a Galicia con Cuba.

A partir dun proxecto en colaboración coa Colección de Arte Cubano Contemporáneo Luciano Méndez Sánchez e a Fundación Salamanca Ciudad de Cultura y Saberes, preséntase «Sueño de navegante», unha exposición conformada por cincuenta e sete obras pertencentes a esta importante colección. Estruturada en catro seccións, o director do proxecto, Juan Carlos Moya Zafra, e as dúas comisarias, Yadira de Armas e Ana Gabriela Ballate, concibiron unha exposición enfocada a reflectir a identidade propia da arte actual en Cuba, en relación coas influencias tricontinentais (africana, latinoamericana e europea) dunhas creacións impactantes nos seus formatos, o seu expresionismo e na poesía da súa linguaxe.

REVISTA NOVEMBRO

De entre a relevante nómina de creadores cubanos presentes na mostra, cómpre destacar a presenza dos catro piares de referencia da arte contemporánea na illa: Roberto Fabelo, Manuel Mendive, Pedro Pablo Oliva e Alfredo Sosabravo, os catro merecedores do Premio Nacional de Artes Plásticas, condecoración que outorga cada ano o Ministerio de Cultura da República de Cuba, e con importante recoñecemento dentro e fóra da illa. A estes súmanselles outros importantes artistas, de ampla traxectoria ou noveis, representados a través dunha selección de obra multidisciplinar: pintura, fotografía, escultura, audiovisual, instalación e outras técnicas mixtas para unha exposición diversa, intensa e de gran beleza.

As obras pertencen á colección privada de Luciano Méndez Sánchez, quen comezou a coleccionar arte tras a súa chegada a Cuba, na primeira década do século XXI. Afincado alí desde entón, a súa colección posúe na actualidade máis de 800 obras representativas da creación cubana contemporánea. A exposición «Sueño de navegante» propón un escenario cunha diversidade de contidos en relación a Cuba, a súa cultura e idiosincrasia, desde unha mirada sociolóxica, antropolóxica e artística con temas referentes á identidade, a racialidade, a insularidade, a migración ou a mestizaxe. Así, nesta mostra están presentes 26 artistas cubanos, cuxas obras reúnen a intensidade do potente expresionismo caribeño, combinado cun carácter reflexivo, introspectivo e dunha gran carga emocional.

DATAS: Do16 de xuño ao 29 outubro (agosto pechado)
HORARIO: Luns a Sábado 17.30 a 20.30 h; Domingos e festivos pechado.
ENTRADA: Gratuíta