CAMELIAS MASCOTAS

As nubes e o mar, protagonistas da frase de Antonio García Teijeiro para Pereira

“As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar” é a frase elixida este ano para ilustrar o valo que Pereira Productos del Mar ten nas súas instalacións da Avenida de Beiramar. O escritor vigués e Premio Nacional de Literatura, Antonio García Teijeiro, é o autor desta poética mensaxe. O poeta continúa así unha iniciativa da que xa formaron parte en anos anteriores Ledicia Costas, Yolanda Castaño ou Domingo Villar. 

REVISTA NOVEMBRO
Antonio García Teijeiro xunto a unha reproducción do valo coa súa frase | P. Vázquez

Cada ano desde hai unha década, Pereira Productos del Mar encarga a un autor ou autora galega tres frases que representen o espírito mareiro da empresa. Este ano o encargado de plasmar este sentimento con palabras foi Antonio García Teiejeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. As frases foron as seguintes: “O mar non ten paredes. Por iso inventa mil horizontes”, “Cando a lúa chama o mar, deixa a voz na beiramar” e, a gañadora, “As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar”. A cidadanía, a través dos seus votos en redes sociais, escolleu esta última opción cunha ampla maioría. 

Durante o evento de presentación a bordo do buque pesqueiro Argos Pereira, Antonio García Teijeiro expresou sentirse moi feliz vendo no valo os seus versos, “agradezo fondamente que pensasen en min para que a miña voz lles fale ás persoas nun valo que xa leva moita literatura enriba ao longo dos anos. Con este proxecto tan noso, Pereira demostra que hai maneiras diferentes e luminosas de facer publicidade. Poñer no valo das instalacións que ten a empresa en Beiramar frases ou versos de escritores e escritoras de Galicia é facer país. E que sexa en galego, aínda máis. É este un proxecto que se converte nunha aperta cálida á nosa cultura, á nosa literatura e á nosa lingua. É humanizar galeguizando a  súa oferta. É algo que abre fiestras a horizontes máis ricos e auténticos e que axuda a facer Galicia”. 

“As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar” toma o relevo a “O mesmo mar fai cada día unha distinta praia” da poeta Yolanda Castaño que estivo no valo durante o ano 2021. Anteriores foron as frases de Domingo Villar, para quen houbo unhas palabras durante o acto, en 2020 e 2019: “Podo temer a morte, pero non quero ter medo a estar vivo” do libro “O último barco” e “O tempo, o sol e o mar engurraran o rostro do mariñeiro e cuartearan a súa pel como terra seca” da obra “A praia dos afogados”. “Neste mar navegan os barcos da nosa vida” da escritora viguesa Ledicia Costas foi a mensaxe seleccionada en 2018. “Estamos en la bahía de Vigo y sólo de usted depende que pueda conocer sus secretos” da obra de Julio Verne “20.000 leguas de viaje submarino” ilustrou a valle en 2017. “A maxia de saber amar” (2016) y “Cada palada cuenta” (2015) foron outras das frases que os viandantes en condutores que pasaban por Beiramar puideron desfrutar e que foron propostas e votadas polos seguidores nas redes sociais.