Este verán volven os concertos á Fundación Sales
Hoxe coñecimos o cartel do novo ciclo de concertos da Fundación Sales que terán lugar en xullo, agosto e setembro á hora do solpor. Unha trintena de actuacións na que a música local e galega ten gran presenza.
Tras a boa resposta do público á primeira edición do ciclo de concertos na Fundación Sales celebrada o ano pasado, este verán volve a música en directo ao xardín botánico. Os concertos terán lugar entre xullo e setembro ao atardecer nos xardíns da Fundación Sales (avenida de Europa, 52).
Ao igual que o ano pasado, no cartel atopamos gran presenza de grupos locais e galegos como Najla Shami, Fillas de Cassandra, Velpister, Pólvora, Maldito Murphy, Paula Pascual, Loiros Band, Allova ou Stoned at Pompei. Outra das grandes características do festival é o seu grande eclecticismo combinando diferentes estilos musicais como a electrónica, o pop, o rock ou o hip-hop. Cada día os concertos serán precedidos e rematados cunha sesión DJ.
Unha das novidades deste ano, é que a música ao vivo combinarase coa presentación de libros. Chis Oliveira e Priscila Retamozo estarán presentando ‘Comando Igualdade’ (2021, Catro Ventos) e Pablo Vázquez e Denís Carballás farán o propio co seu primeiro libro ‘Son da cidade’ (2022, Galaxia).
As entradas para os distintos concertos saen á venda a próxima semana a través da web do festival https://eventosfundacionsales.com/