CAMELIAS MASCOTAS

A cultura viguesa despide nas redes a Domingo Villar

O autor de A praia dos afogados finou esta mañá a causa do infarto cerebral que sufriu 40 horas antes con só 51 anos de idade. Domingo Villar, vigués, referente da novela negra en Galicia e España e pai literario do inspector Leo Caldas, deixa un fondo pesar en quen o tratou persoal e profesionalmente.

Domingo Villar presentando o seu último libro na taberna Eligio | Foto: Pablo Vázquez

Escritores e outras voces da cultura viguesa despedíronse do escritor trala súa prematura morte, tan só un día despois do Día das Letras Galegas. Unha das primeiras mensaxes en aparecer foi a do xornalista e escritor Manuel Rivas que dedicou a Villar dous versos do seu último poemario O que fica de fóra e que casan á perfección coa omnipresencia da Ría de Vigo nas novelas de Domingo Villar e o cariño que lle profesaba.

Ledicia Costas tamén se uniu ao lamento e as condolencias á familia do autor con este chío e un segundo no que amosa unha fotografía dos dous xunto a Pedro Feijoo e María Oruña.

A mesma María Oruña, colega na escritura de thrillers e que hoxe publica a súa nova novela, El camino del fuego, dedicou un momento a lamentar a perda de Domingo Villar a quen describiu como un home “discreto”, algo no que coinciden varias das mensaxes de adeus que puidemos ver ao longo da xornada.

De mesmo xeito, a escritora vasca Dolores Redondo, autora da triloxía de Baztán, sentía a perda e animaba a todas as persoas que boten de menos ao escritor a reencontrarse con el a través da lectura dos seus libros.

Pedro Feijoo dedica ao seu amigo unha palabras escritas a man ao tempo que lamenta non poder consultarlle se son as correctas.

Francisco Castro, director da Editorial Galaxia na que Domingo ten publicadas as novelas sobre o inspector Leo Caldas e o seu último libro de contos, dedicoulle unhas palabras “de urxencia” no xornal La Voz de Galicia, onde o alzou como “a demostración palpable e concreta de que a literatura galega podía triunfar no mundo”.

REVISTA NOVEMBRO

Rafa Valero, codirector de Cíes Podcast amosábase desfeito polo pasamento do colaborador do programa, a quen consideraba o seu “confesor, guía, referente, una persona imprescindible en mi vida…”. Por primeira vez en tres anos e medio de andaina do proxecto, hoxe Valero e Guada Guerra non colgarán un programa na web do seu podcast.

Iván Ferreiro rememorou algúns dos momentos vividos xunto ao escritor co que se atopaba acotío nos bares e ao que describe como “una persona sensible e inteligente que se interesaba por saber cómo pensábamos y sentíamos los demás” e lamenta non terse detido a charlar con el a última vez que se cruzaron.

No eido político tamén se sucederon os pésames con mensaxes de Abel Caballero, Ana Pontón, Pedro Sánchez e Carmela Silva . Tampouco as institucións e editorias deixaron pasar a ocasión de amosar a súa conmoción e desde a Real Academia Galega, a Editorial Galaxia e a Editorial Siruela (que publicaron os libros de Villar en galego e castelán, respectivamente) twiteáronse mensaxes de despedida e recoñecemento a esta gran figura da literatura galega, especialmente no xénero da novela negra.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.