Xesús Alonso Montero: «Temos que conseguir que o galego sexa a lingua das clases acomodadas»
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) recíbenos na súa casa do centro da cidade. Viste un xersei vermello e agarda por nós canda a súa familia «escollida» nos andeis: Castelao, Rosalía, Machado, Marx ou o Che. Cunha axilidade mental envexable, responde ás nosas preguntas nun uso da lingua galega tan erudito como próximo.
Vostede definiuse como neofalante ao empezar a falar en galego aos 9 anos, cando se trasladou de Vigo a Ribadavia. Cando e como pasou a ser o galego o idioma de seu?
Eu nacín circunstancialmente nunha taberna aquí, en Vigo. Meus pais eran galegofalantes, pero seguindo as normas non escritas que había nesta cidade: dirixíanse a nós en castelán, ou en algo que parecía castelán. Nós percibiamos que a lingua que había que falar para ter un futuro era o castelán. Isto foi así ata que fixen os 9 anos, cando nos trasladamos a Ventosela, unha parroquia de Ribadavia. Nos primeiros días alí, eu falaba en castelán ou nun galego con moitos castelanismos. Recordo ir xogar con varios compañeiros do meu tempo e un deles reprimíame moi severamente; dicíame: «Ti falas coma nós», o que quería dicir: falas coma nós porque andas en zocos como nós, co pantalón remendado coma nós, e traballas no campo coma nós; non es fillo dun médico ou dun farmacéutico, eles si que poden falar o castelán. E eu fixen un curso acelerado de galego porque non acababa de entrar no grupo social que a me interesaba. Quizais aí naceu a miña inclinación pola sociolingüística.
En Informe dramático sobre lengua gallega (1973) dicía que a nosa era a lingua dos pobres. Pensa que aínda é así?
Hoxe, desgraciadamente, o galego é lingua de militantes. E iso está ben e está mal. Se vostede quere coñecer a situación do idioma, colla o autobús ou vaia ás cafeterías de Vigo: xente que non é precisamente millonaria, moita chega xustiña a fin de mes, falando en castelán.
Nese mesmo informe dicía que ao galego lle quedaban 40 anos. Xa pasou ese tempo, que vida lle depara agora?
Vai depender do que aconteza nestes próximos anos na política. Non chega con que os simpatizantes da lingua o 17 de maio digan «falade galego». As novas xeracións teñen que atoparse cunha sociedade na que as clases acomodadas e instruídas falen en galego. Na Xunta de Galicia tería que haber políticos comprometidos coa causa lingüística; xa non digo os do Bloque Nacionalista Galego, eles incluídos, pero terían que ser máis prudentes.
Como conseguimos que esa xente acomodada se decante polo galego?
Necesitamos unha clase política comprometida coa causa, que se aproveite do coñecemento que teñen hoxe en día os rapaces do galego. Hoxe hai rapaces vascos que ligan en vasco e iso o fixo a política, porque desde as primeiras eleccións democráticas en 1977 a hoxe gobernou sempre o Partido Nacionalista Vasco, do que eu non son admirador. Cando vou ao País Vasco, falo con fillos de emigrantes e eles falan o vasco, porque saben que iso dálles consideración alí, emiten signos favorables polo vasco e iso creárono os políticos.
Se non me equivoco, en 1958 descubriu o marxismo e máis tarde pasaría a militar no Partido Comunista de España. Defínese hoxe como comunista?
Eu non son comunista, pois son un señorito privilexiado. O comunismo é a entrega do ben común á comunidade. Eu sei canto hai de individualismo de egoísmo en min, incluso de interese por cousas que non son comunistas. Entón eu, con todas esas deficiencias, non podo dicir que sexa comunista. Pero como son novo, gustaríame ser comunista cando medre, porque é o estado de perfección.
Pero o sistema non funcionou nos países en que se instaurou o comunismo.
Funcionou máis do que a xente cre.O comunismo xa empeza a fracasar cando se impón en Rusia, en 1917, coa revolución de Lenin. O mundo capitalista, que era o resto do mundo naquel momento, estaba bloqueando a causa comunista; así resulta moi difícil de levar adiante. Iósif Stalin foi un tipo brutal, pero non máis que os presidentes dos Estados Unidos que fixeron unha guerra en Vietnam, un país que está moi lonxe de América, levando napalm contra xente que disparaba con frechas. Putin di que unha Ucraína apoiada pola Unión Europea e os Estados Unidos de América é unha ameaza para Rusia, e en certo modo é así. Os Estados Unidos parece que sexan o paradigma da democracia, pero en realidade son o paradigma da crueldade. Haberá unha crueldade máis grande que o bloqueo que padeceu Cuba? O comunismo viuse flanqueado, acosado, asediado polo capitalismo e sobre todo polo capitalismo estadounidense. As experiencias comunistas non foron puras; pero eu estou en contra de ese mundo de ricos que goberna os pobres, está claro.
De ter que escoller, definiríase antes como comunista ou como galeguista?
Son un comunista que vive en Galicia.
Como foi o paso pola presidencia da Real Academia Galega?
Méndez Ferrín dimitiu e déronse certas circunstanciasque fixeron que algunhas persoas pensasen en min. E eu aceptei por sentido do deber, pero facendo un esforzo grande. Nalgún momento pasamos por situacións complicadas porque o problema estaba aí; e pensei en dimitir, pero non o fixen por unha cuestión cívica. Púidose chegar ata a desaparición da Academia, que é a institución que vela pola lingua, pola cultura galega… Pensei que se eu podía representar esa pequena utilidade debería aguantar os catro anos de lexislatura.
A relación que ten vostede co nacionalismo é controvertida. Non sería útil que, pese as diferenzas ideolóxicas, se puidese traballar de maneira conxunta en favor de causas como a lingüística?
Cando Esquerda Unida foi nas listas con xente que acababa de saír do Bloque que lideraba Xosé Manuel Beiras, eu apoiei a iniciativa con moito entusiasmo. Pareceume unha boa experiencia e tivo un éxito electoral enorme. O que pasa é que eu teño un concepto social da lingua diferente ao deles; a min chamábanme «o bilingüista» como insulto, porque ao final do franquismo eu digo que hai que ir cara a unha sociedade na que non desapareza o castelán, que ademais é un instrumento que serve para viaxar polo mundo. O que temos que conseguir é que o galego sexa a lingua das clases acomodadas e se converta na lingua de instalación, que é aquela na que un lle fai a declaración de amor á moza e na que un se caga en Dios. Creo que eu tiña unha concepción menos sectaria, máis asumible para a sociedade que non estaba neste debate. Todos os debates eran entre nosoutros, os comunistas e os nacionalistas, que somos unha parte mínima da sociedade galega. Non imos salvar o galego, senón que imos propoñer que o galego se salve por unha que pode ser factible ou por esoutra que, a priori, xa podemos xurar que non vai ser posible.
Acaba de publicar unha antoloxía poética de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.
Era un poeta patriótico, ligado ao Partido Galeguista, moi comprometido coa lingua, pero eu prefiro definilo como poeta «matriótico», porque era un poeta que escribía das paisaxes, dos viñedos de Valdeorras, da xente de alí. É o mellor exemplo do hilozoísmo en Galicia. En plena República, é o único poeta sociolingüista que hai aquí, con textos contra os que falan en castelán mentres desdeñan o galego. É un poeta moi da terra, coñece moi ben a tradición oral, a cultura popular, o folclore… No franquismo, proxecta a faceta de poeta político contra a ditadura, a Falanxe e a xerarquía católica. Nel reúnense varias facetas, é unha musa plural e interesante.
Está a piques de publicar un libro sobre Antonio Machado que teño entendido que lle prestou escribir.
No 58 eu cheguei ao marxismo, pero non foi por Marx nin por Engels, senón por dous traballos de Antonio Machado. Neste libro non estudo os recursos literarios do poeta e do prosista; estudo o nome e a obra en función das vicisitudes que ten que vivir á hora de ser editado, reeditado e antolagado nas coordenadas do franquismo. Eu débolle moito a Machado e para min el é un compañeiro. Durante o confinamento precisaba sentirme acompañado, entón volvín a el e escribín o libro.
Cos 93 anos que ten, nunca lle faltan as ganas de escribir?
E que faría senón? Eu non sei se o fago moi ben ou moi mal, pero non sei facer outra cousa. Como dicía Ortega, a diferenza entre os animais e os seres humanos é que os animais non fan proxectos. Hai un momento en que o ser humano deixa de proxectar: é a vellez. Eu hai tempo que o sabía, porque levo tempo sendo vello, pero aos 80 e aos 85 anos eu sentíame ben e aínda proxectaba. Pero cando o 23 de setembro de 2018 morreu a miña muller, Victoria, quizais tiven máis tempo que nunca para pensar. Agora teño proxectos miúdos; os proxectos grandes son facer unha gran viaxe, casar cun grande amor, ter fillos… Para eses proxectos fai falta forza e tempo: futuro. Eu o que fago agora é ter proxectiños pequenos, senón o fastío sería tremendo; cando as persoas se senten inútiles, poden decidir non colaborar coa vida.
Tamara Novoa
Editora
Pablo Vázquez
Fotógrafo
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024