CAMELIAS MASCOTAS

Ars Amandi

De amor tense escrito bastante. Incluso denantes de haber alfabeto. Daquela os namorados dicían palabras que se grafaban no vento. Que sonoridade reinaba naquel mundo! A escritura deunos intimidade e eternidade. Quen non tomou un papel en branco para enchelo coas palabras máis ridículas que Pessoa imaxinou? O misterio de agochar a carta amorosa entre as páxinas dun libro. E volver a ela con tento suave, pero inquedo; cauto, pero trémulo. Até darse de bruzos con esta vida de traidora escalinata.

            A humanidade escribe sobre o amor des que atopou arxila, pergameo, liño, papel… Fíxoo porque tiña conciencia do que é exactamente iso: amor. Pero non hai alma, agás as temerarias ou  as obtusas, que se atreva a poñerlle definición. O amor é un termo tan voluble como o sentir dunha persoa. A tradición escrita deixounos, sobre todo, o sentir masculino. Poucas declaracións levan rúbrica de muller nos séculos precedentes. E hóuboas, como mostra Murasaki Shikibu no lonxincuo Xapón ou Safo de Lesbos na próxima Grecia. Dentro da nosa historia literaria xeráronse dúbidas sobre o parto de certas cantigas. Disque algunhas de amigo son de man feminina. Algo é certo: a muller é a voz que fala. E a muller danza, a soldadeira baila, que Lorenzo Varela enxalzou:

                                               «Loubar eu loubara, María Balteira, 

REVISTA NOVEMBRO

                                               túa saia leda»

            De súpeto emerxe Vigo, coma unha coroa de camelias sobre do mar. E congréganse nesta redonda marítima as voces antigas. As melodías mestúranse coas letras para que sete soles brillen no ceo. Martín Codax deunos a honra de situar aquí, na Ría de Vigo, este patrimonio mundial. Na lírica medieval galega hai amores varios. Fernand´Esquío ofrécenos exemplos nos tres xéneros canónicos. Dunha fiinda sacou un título Manuel Rivas: Que me queres, amor?. E o trobador un día partiu namorado de Compostela a Lugo, deixando o arco tenso ao ver as aves cantar, deica entrar pola Porta Miñá da muralla latina para darlle á amada uns versos queridos. Cunqueiro mandou colocar unha placa no sitio para que esa peregrinación fose eterna na memoria. Esquío, de existencia axitada, puxo liñas das máis lascivas. Lémbrense os versos en que a dona lle merece «quatro caralhos asnaes». O caso é que esa dona era unha abadesa. Lin nun poeta brasileiro o mellor consello: Amar, se aprende amando, eis o título dun sensualísimo libro de Drummond de Andrade. Mais os beixos, agora censurados pola pandemia, pódense sentir como o atravesar a saba no voluptuoso lenzo de Magritte. A ocasión fornece a oportunidade.

Xurxo Martínez González
Historiador