CAMELIAS MASCOTAS

Galicia e Portugal únense a través da música grazas ao MUMI

O MUMI, siglas de Músicas no Minho, é o encontro profesional entre as músicas de Galicia e Portugal, que este ano celebra a súa terceira edición do 29 de setembro ao 1 de outubro entre Tui e Valença. A partir deste xoves, profesionais e artistas poderán inscribirse para participar na 3ª edición da feira.

Vista aérea de Valença e Tui | Fotograma do aftermovie do MUMI 2021

“O MUMI é unha grande oportunidade para converter a Eurocidade Tui-Valença nun polo de intercambio cultural e económico entre os dous países”. Esta foi a mensaxe lanzada pola organización da feira e secundada por todas as entidades que participaron esta mañá na presentación do MUMI 2022, o encontro profesional das músicas do Minho que se celebrará do 29 de setembro ao 1 de outubro. O encontro do sector musical, que tamén terá programación aberta á cidadanía, anuncia a súa intención de fixar ubicación de cara ás próximas edicións. 

REVISTA NOVEMBRO

A feira reubícase na última fin de semana do mes de setembro, unha data que favorece a asistencia de profesionais e artistas, e que ademáis vai encher de xente as dúas vilas nunhas datas de menor afluencia de visitantes.  Desde este mesmo xoves 24 de febreiro todas as persoas interesadas en participar no MUMI 2022 poden inscribirse no encontro a través da web mumimusicas.eu. A convocatoria para candidatar propostas de artistas e bandas galegas e portuguesas permanecerá aberta ata o 31 de marzo, mentres que as inscricións para profesionais estarán abertas até as datas de celebración do evento. En ámbolos dous casos, a participación é gratuíta.

O impacto económico e social da pasada edición foi importante, xa que participaron máis de 80 artistas e 132 profesionais galegos e portugueses do sector musical,  entre axencias, programadores públicos e privados, xornalistas culturais, empresas de servizos, discográficas e editoras. A feira realizou un gasto directo na Eurocidade de perto de 12 mil euros, o que significa un terzo do orzamento recibido; e aos que hai que sumarlle o gasto indirecto realizado polos cerca de 2.000 visitantes que se achegaron a participar e disfrutar dunha programación cultural e turística que encheu durante 3 días as rúas e espazos de ámbalas dúas cidades, ofrecendo un total de 19 concertos, 5 conferencias e decenas de encontros de negocios arredor da música.

Un dos grandes obxectivos é atraer programadores do sector público e lograr que a feira se convirta nun obrigado punto de encontro para as contratacións artísticas dos concellos e cámaras municipais dos dous territorios. O MUMI pretende afirmarse, no prazo de 5 anos, como a Feira Internacional da Lusofoníaunha cita anual que permita explorar novas posibilidades dun sector estratéxico, servindo de escaparate e punto de encontro para ambos países, e tamén para todas aquelas empresas, entidades e iniciativas que atopan na música un espazo de promoción e diferenciación a traves do mecenado e a esponsorizacióncomo xeito de posicionamento no seu propio mercado.