CAMELIAS MASCOTAS

A escena indie protagoniza o Superbock Underfest

Dous días, dez salas, vinte grupos. Esa é a carta de presentación do Superbock Underfest que este venres e sábado traerá a Vigo bandas nacionais e internacionais de soul, pop, rock e electrónica. A esta programación súmanse novos concertos pola rúa do Príncipe e no exterior de El Corte Inglés.

A actuación estrela do festival é a de Benjamin Clementine o sábado no Auditorio Mar de Vigo. Pero xunto ao inglés, participan outros artistas de renome internacional como Myles Sanko, Australian Blonde, The King Khan & BBQ Show ou Soledad Vélez. O abono que dá acceso aos dous días de festival e a tódalas actuacións ten un prezo de 30 euros e pódese adquirir en Ataquilla.

Venres 23

A portuguesa Nádia Schilling será a encargada de inaugurar o festival en La Casa de Arriba, nun concerto no que interpretará os temas do seu disco ‘Above the Trees’, composto cunha vella guitarra acústica trala norte da súa nai. Para aqueles que busquen mover o esqueleto, a partir das 22:00 soará o rock and roll de Cápsula en La Iguana. Dende Portugal a banda Granfather’s house encherá a sala Magnética dos seus ritmos psicodélicos. Unha das bandas de referencia no eido da música electrónica, Telefon Tel Aviv, actuará ás 23:00 na sala Magnética. A artista galega de orixe francés Mounqup fará un percorrido polos diversos estilos que domina, na sala Goma Laca. Tras volver xuntarse no 2015 o dúo formado por Mark Sultan (BBQ) e Blacksnake (King Khan) aterra en Vigo coa enerxía que os caracteriza para presentar o disco ‘Bad News Boy’. A banda Basanta conquistará aos asistentes cos seus ritmos melódicos na Sala Masterclub. O Dj set que propón Hot Chip na Fábrica de Chocolate promete sorprender ao público pola súa orixinalidade. Para pechar a noite os ritmos electrónicos de Presumido e Romare.

REVISTA NOVEMBRO

Sábado 24

Os concertos centrais do festival terán lugar o sábado no Auditorio Mar de Vigo. O artista inglés Myles Sanko presentará o seu terceiro traballo ‘Just Being me’ para preceder ao seu compatriota Benjamin Clementine, que amosará ao público vigués o seu último disco ‘I tell a Fly’, un traballo que o artista autodidacta a producido el mesmo. Ás 23:00 os asistentes ao festival terán tres opcións: en La Fábrica de Chocolate soará ‘Chup Chup’ dos Australian Blonde, todo un himno da xeración indie dos 90. Ao tempo, o galego Sen Senra actuará en La Casa de Arriba e a chilena Soledad Vélez na Sala Magnética. Os sons bailables chegarán ás 00:30 da man de Rayotaser na Goma Laca e Fuckaine no Mogambo. Rex the Dog, o último proxecto de Jake Williams, encherá de sons electrónicos La Fábrica de Chocolate. E para pechar o festival, o portugués Bruno Cardoso co seu proxecto Xinobi.

Pola rúa
A organización do Superbock Underfest amplía a súa programación fóra das salas e leva a música ao centro de Vigo con concertos na rúa. Hoxe venres actuarán Los Wavy Gravies ás 14:00, os Irmáns Cunha ás 17:00 e Presumido ás 19.30 na rúa Príncipe. As 19:30, nos exteriores de El Corte Ingles, actuará o músico galego Villanueva co seu tema “Bombas Nucleares”.
O sábado a rúa de Príncipe volve a éncherse de música xa desde a mañá. As 12:00 será o turno de Mounqup, ás 14:00 actuará High Paw e xa pola tarde, ás 17:00 o grupo Los Naipes. Ás 19:30, nas inmediacións de El Corte Inglés, o grupo Basanta volverá a deleitarnos cos seus temas despois de pasar pola Sala MasterClub a noite do venres.