Salitre organiza un evento Mutante con música techno, pintura e cócteles
O 27 de novembro o Espazo MUTA e a Sala Mondo acollen Mutante, unha iniciativa de Salitre que fusiona música electrónica, pintura e coctelería, que terá como protagonista ao músico lucense Death Whistle.
Mutante é o próximo evento da promotora Salitre, unha empresa dedicada a sacudir a poboación viguesa con iniciativas que teñen a música electrónica no centro. O 27 de novembro Salitre abre as portas de Muta de 18:00 a 22:00 horas para celebrar un evento dividido en dous espazos: a exposición de pintura no piso superior composta por obras dos artistas Beatriz Albaladejo (A Coruña) e Manuel Salgado (Madrid) e o concerto na sala Nuñez do músico Death Whistle (Lugo), que será a gran proposta cun live modular A/V, acompañado polos djs F- ON (Madrid) e Vrika (Madrid).
O servizo de coctelería estará a cargo dos mozos de VITTER Bar. Para completar a xornada, xa en horario nocturno, de 00:30 a peche, a sala SUB de Mondo estará capitaneada polos djsF- ON e Southear. As entradas poden comprarse aquí por 7 €.
O 7 de abril de 2018 Óscar Roca e Rafa Martínez comezaron un camiño coa meta de diversificar a oferta , axitar e mobilizar a cidade coa vangarda cultural que agora mesmo move as grandes capitais europeas. Desde esa data foron 10 os eventos de música electrónica producidos desde Salitre. Fixeron bailar á xente nun club con artistas como Benjamin Damage, Freddy K ou Dj Pete, entre outros, pero tamén fixeron que esa mesma xente sentase nun bar da rúa Alfonso XIII a escoitar a Pedro José Mariblanca Currais falar do clubbing como un gran movemento social con pegada na historia da música en España.