Este mércores 8 reabren os Multicines Norte da man de Tarantino
Un ano e medio despois os Multicines Norte levantan a persiana de novo. Unha grandísima nova para a comunidade cinéfila local, pois se trata do único espazo que programa diariamente propostas independientes e en versión orixinal con subtítulos. Queres coñecer a súa carteleira? Continúa lendo, pois entre moitas estreas atoparás a reposición da ópera prima de Quentin Tarantino Reservoir Dogs.
As salas volven albergar concertos e os Multicines Norte abren de novo: semella que as cousas comezan a volver ao seu cauce. Centrándonos nestes últimos, xa podemos consultar na súa renovada páxina web toda a programación e horarios para esta semana e a que vén, e mesmo mercar os billetes de maneira anticipada.
ANNETTE
A película narra a historia de Henry, un comediante cun sentido do humor excepcional, e Ann, unha cantante de renome internacional. Diante das cámaras, forman unha parella feliz e chea de encanto. O nacemento da súa primeira filla, Annette, unha nena misteriosa, cambiará as súas vidas.
LA METAMORFOSIS DE LOS PÁJAROS
Beatriz e Henrique casaron o día que ela cumpriu 21 anos. Henrique, oficial da mariña, pasa longas tempadas no mar. En terra, Beatriz, que sempre tivo unha relación moi especial coas plantas, coida dos seus 6 fillos. O seu fillo maior, Jacinto, soña a miúdo con ser un paxaro. Un día, de súpeto, Beatriz desaparece. Jacinto é o pai da directora Catarina Vasconcelos, cuxa nai faleceu cando ela tiña 17 anos. A memoria dos avós, os principios vitais de Beatriz, os voos oníricos de Jacinto, a perda e a imaxinación de Catarina constrúen este fermoso conto cinematográfico, entre o fantástico e a autobiografía, como un fogar para as pantasmas e para os seus recordos.
MADRES VERDADERAS
Tras unha longa e insatisfactoria loita por quedar embarazada e convencida por unha asociación de adopción, Satoko e o seu marido deciden adoptar a un neno. Anos despois, a súa familia cambaléase coa ameaza de Hitari, unha moza descoñecida que di ser a nai biolóxica. Satoko opta por confrontar a Hitari directamente.
PEQUEÑOS MILAGROS EN PECKHAM STREET
A vida nunha comunidade do Londres do Brexit vese agravada debido á xentrificación. Irina, unha nai solteira búlgara, loita sen éxito para convencer aos seus veciños de loitar contra o sistema. Cando un gato aparece atrapado na súa parede, a familia de Irina e algúns dos seus veciños entrarán en conflito. Entón Irina toma unha decisión drástica para cambiar a súa vida.
RESERVOIR DOGS
Unha banda organizada formada por seis individuos, algúns descoñecidos entre si e con nomes supostos, atracan unha empresa para levar uns diamantes. Pero antes de que soe a alarma, a policía xa está alí. Algúns morren no atraco e o resto reúnese no lugar convido.
SIEMPRE CONTIGO
Aharon dedicou toda a súa vida a criar ao seu fillo Uri. Viven xuntos nunha rutina amable, lonxe do mundo real. Pero Uri é autista e xa é o suficientemente adulto para residir nun fogar especializado. De camiño á institución, Aharon decide escaparse co seu fillo e botarse con el á estrada, sabendo que Uri non está preparado para a separación. Aínda que quizá sexa o pai o que non está preparado.
Y LLOVIERON PÁJAROS
Cada un cos seus respectivos motivos, esta é a historia de tres anciáns que elixiron retirarse do mundo e irse a vivir aos bosques de Canadá. Ao principio tan só eran dous e a súa principal intención era non ser atopados e poder vivir afastados da sociedade onde ninguén lles busque e, sobre todo, ninguén lles atope. Estes feitos ocorren simultaneamente a que un gran incendio ameace a rexión. Pouco despois da catástrofe unha nova fotógrafa chega ao seu agocho buscando aos sobreviventes desta situación, concretamente a un tal Boychuck, que é unha lenda na zona. A moza non será a única en aparecer por alí, pois na mesma época unha anciá é levada polo seu sobriño para que viva alí, con eles. Ao principio, os dous anciáns que residían na cabana parecían reticentes á súa chegada pero terminaron por aceptar. A muller de máis de 80 anos aparece como unha brisa lixeira que alborotará as súas vidas.
JOSEE, EL TIGRE Y LOS PECES
Josee é unha moza que estivo prostrada nunha cadeira de rodas desde a súa infancia e habita no seu propio mundo de pinturas, libros e imaxinación. Un día, cae por unha pendente e só a oportuna aparición de Tsuneo evita que se estrele contra o chan. Tsuneo estuda bioloxía mariña co soño de ver algún día a un peixe pantasma que vive unicamente en México. Como consecuencia do seu encontro casual, a avoa de Josee ofrece un traballo a tempo parcial a Tsuneo como coidador da rapariga. Aínda que a egoísta e esixente Josee non lle pon as cousas fáciles a Tsuneo, este decide non engurrarse ante ela. Froito dese toma e daca, a distancia que separa os corazóns de ambos redúcese e Josee decide saltar con Tsuneo ao mundo exterior co que só soñara.
WORTH
Tras os atentados de 2001 contra o World Trade Center e o Pentágono, o Congreso nomea ao avogado Kenneth Feinberg (Michael Keaton) para dirixir o Fondo de Compensación ás Vítimas do 11 de Setembro. Pero como pode poñer en valor as vidas perdidas? Atrapado entre avogados que queren demandar e os grupos de presión das aerolíneas que queren chegar a un acordo, Feinberg debe negociar coas familias das vítimas. Cando se enfronta a Charles Wolf (Stanley Tucci), un organizador comunitario entre os afectados e cuxa esposa morreu nunha das torres, Feinberg empeza a coñecer o custo humano da traxedia.