Moura convidará ao público do Barbeira Season Fest ao seu transo colectivo
Diego Veiga é o guitarrista e cantante do grupo musical Moura, unha banda que mestura a psicodelia e o rock progresivo co folk tradicional galego, e que pretende captar a atención do seu público mediante os seus directos cheos de maxia e mitoloxía.Teremos a oportunidade de ver unha destas actuacións o próximo sábado 28 en Baiona, dentro do Barbeira Season Fest.
Moura xorde na desaparecida Nave1839, antiga Casa Tomada da Coruña, da unión dos integrantes de diferentes grupos que alí se xuntaban. Diego Veiga, guitarrista e cantante da banda, comeza a parar por alí e facer amizade con xente que se move na escena do rock.”Despois de varios cambios de formación xorde a que temos actualmente”, comenta Veiga sobre os inicios da banda.
O nome de Moura ten orixe na mitoloxía galega, xa que o propio proxecto comeza a súa andaina cun claro obxectivo: mirar cara as nosas raíces. Con esa intención mesturan a psicodelia e o rock progresivo e vírano cara Galicia, cantando os seus temas en galego, e reflictindo no seu traballo influencias da gran riqueza mitolóxica que existe na nosa cultura:”É unha viaxe usando certos elementos anglófonos, como son a psicodelia e o rock progresivo, mesturala desde o punto de vista de ritmos e melodías que teñen que ver con Galicia”, explica o compoñente da banda coruñesa que consciente de que existen no estado outras bandas que fan algo similar, móstrase escéptico ante as modas, “que agora estea algo de moda non significa que non leve tempo existindo”. Mais, amósase seguro do poder que teñen as mesmas para darlle voz a aqueles que non a tiveron no seu momento, “deixando escepticismos a un lado, paréceme unha cousa moi positiva”, comenta Diego. Menciona artistas como Rodrigo Cuevas, Derby, Tanxugueiras, Baiuca ou Boyanka Kostova, que axudan a manter as raíces da cultura de España mediante a persistencia do folclore nos seus traballos “todos esos proxectos axudan a manter certa identidade”, sentencia.
O vocalista da banda sinala que o rock e a experimentación dos anos 70 está presente á hora de influir o seu traballo, como pode ser a banda Pink Floyd; tamén os primeiros discos de Emilio Cao ou os santiagueses de N. H. U. foron os seus pioneiros, aínda que aseguran “escoitar moita música e tentamos estar o máis actualizados, incluso escoitando cousas que non son rock, desde Jazz a electrónica, tentamos funcionar como unha esponxa e ser bastante abertos“. O primeiro traballo de Moura, chamado como a propia banda, saíu á luz en abril de 2020, en plena pandemia. Eles pretendían plasmar o que facían nos directos no disco: “conseguimos pechar as estructuras das improvisacións dos directos en catro temas, e no estudio engadimos ese compoñente tradicional coa colaboración de cinco ou seis músicos dos nosos colegas da Cova Céltica, e a partir de aí a música foi evolucionando”. O resultado final foi bo, a pesar de que a situación pandémica propiciou un stand by obrigado e a presentación do disco estase dando case un ano despois, con directos como o do Barbeira Fest o 28 de agosto. O concerto Vibra Mahou de Moura no festival de Baiona vínculase ao acordo que Mahou ten con Paideia para apoiar o talento emerxente.
O máis especial da banda Moura son os seus directos e o que pretenden transmitir neles: “A música que máis emociona precisa que se lle dedique un tempo, nos directos pretendemos que a xente preste atención, que se deixe levar pola música como facemos nós no escenario, queremos que a xente entre no que chamamos ese transo colectivo” afirma Diego Veiga sobre os seus directos. O vindeiro 27 de agosto Moura actuará no Barbeira Season Fest, no que actuarán cunha formación de sete membros, a cal varía:”Chamamos ao colectivo de músicos que colaboran con nós a Irmandade Ártabra porque funciona como unha irmandade: xente que entra, xente que sae…”, comenta o músico. Sobre o escenario estarán os cinco de sempre: Diego Veiga (guitarras, harmónica e voz), Hugo Santeiro (guitarras), Fernando Vilaboi (hammond e sintetizadores), Pedro Alberte (baixo) e Luis Casanova (batería), e esta vez terán a compañía de Miguel Vázquez ( saxo e percusións tradicionais) e Belén Taxes (percusións tradicionais). Veiga afirma que lle encantaría dar un espectáculo cunha formación máis ampla, e pon a súa mirada no futuro, mantendo a ilusión.
Lúa Rodríguez
Últimos posts de Lúa Rodríguez (ver todos)
- Moura convidará ao público do Barbeira Season Fest ao seu transo colectivo - 22 Agosto, 2021
- Estopa trae as cancións de toda unha vida ao Monte do Gozo - 30 Xullo, 2021