VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Cimafunk: “Gran parte do que fago provén da miña crianza, das raíces e os ritmos cubanos”

O cantante Cimafunk percorre Europa na súa nova xira de verán pasando este sábado 6 de agosto polo Auditorio Mar de Vigo para traer unha mestura de funk e música afrocubana ao público galego. Entre os seus temas novos, que están causando sensación en toda América, destacan ‘Aunque sea un ratico’, ‘Cun Cun Prá’ ou ‘Hablando x Hablar’ en colaboracón con Alex Cuba.

Cimapunk | La pistola de Monik

Co nome artístico de Cimafunk ( cimarrón/escravo rebelde e funk/tipo de música) Erik Alejandro Iglesias é un artista que fusiona a música afrocubana co funk en temas que fan bailar e gozar ao público coma se non houbese un mañá. Cun novo disco en proceso e varios sinxelos nos últimos anos, o cantante, compositor e produtor despegou en 2018 cargado de enerxía ata situarse entre os principais artistas cubanos con xiras internacionais, desde Miami ata Francia, pasando por Boston e Italia.

Tras comezar estudando medicina para formarse e conseguir un traballo, a música conseguiu atrapalo e ser o seu principal obxectivo profesional e persoal. “Eu non deixei a escola de medicina, a escola deixoume a min. Estaba a tratar de que pasasen os anos e non funcionaba, ata que fun a un concerto na facultade e cambioume”. Acompañado desde pequeno pola mestura entre a música e o baile con cancións de Michael Jackson soando na casa e bailes como o tango, a bachata ou mesmo o break dance, Erik contou con grandes referentes que lle axudaron a conseguir unha música tan característica e propia que non para de soar en Cuba. “Non sería o mesmo sen toda esta mestura que vivin desde pequeno. Gran parte do que fago provén da miña crianza, das miñas raíces e dos ritmos cubanos. A maneira de cantar, a forma de falar, todo provén de Cuba”.

A pesar de empezar no mundo da música a principios do 2000 en agrupacións como Asociación irmáns Saiz, Hoyo Colorao e máis tarde en Interactivo e Los Boys, o seu despegamento xorde en 2018 co tema ‘Me voy‘ que o coloca un ano máis tarde entre os 10 principais artistas latinos na revista Billboard. “Non me esperaba esta acollida, sempre traballei compoñendo e gravando para outros artistas e os seus proxectos, pero nunca para min mesmo. Aínda sen recursos, en menos de dous anos a música empezou a camiñar por todas partes. Foi unha tolaría, en tres meses empezamos a xira en Cuba, pero tamén por Estados Unidos e Europa”.

A día de hoxe conta coa produción para o seu próximo disco de Jack Splash, coñecido por traballar con Alicia Keys ou Katy Perry; pero Cimafunk asegura que continúa traballando e compoñendo por conta propia, tal e como fixo no seu inicio cando non contaba con tantos medios. “Practicamente sigo facendo a música da mesma maneira que a facía antes. Durante a pandemia estiven todo o ano producindo un disco e sacando sinxelos e EP’s desde un apartamento de hotel. Tanto se estou en Cuba como en Francia, onde queira que vaia teño un micrófono e unha interface de son desde a que traballar e facer a música. Ese espírito inicial de encontro coa música mantense fresco.”

As súas letras non só destacan polo seu bo rollismo e as ganas que producen de bailar e cantar durante horas, senón por unha ausencia dunha visión misóxina e o trato como obxecto da muller que moitas veces atopamos nas cancións máis soadas en radios e discotecas. “Sempre o fixen así. É algo que está presente na linguaxe, en todo o que fas. Moitos artistas non se dan conta ao compoñer as cancións e pode ser conflitivo, pero todo provén dun tema cultural. Queremos que a xente goce da música nun mundo igual para todos, que se senta feliz e non agredida.” Este trazo destaca especialmente en Cuba, onde o machismo e os feminicidios están presentes a diario. “Para nós os cubanos o feito de que unha muller diga ‘Pásoche a buscar ás dez’ é algo que marca a diferenza, porque sempre foron os homes. E débeselle de dar a posibilidade na música porque é unha realidade.”

Cruzando fronteiras coa súa nova xira de verán, o artista volve unha vez máis a Galicia onde a súa música é recibida coas mans abertas. “En 2019 estiven na Sala Capitol, en Santiago, e é incrible a conexión que hai entre Cuba e Galicia. Existe unha proximidade entre letras e significados que leva ao público a entender as cancións.” Este sábado 6 de agosto teremos a posibilidade de escoitar os seus novos temas no Auditorio mar de Vigo, con entradas aínda dispoñibles á venda a través de TeuTicket.