Café Quijano: “Vivimos moito a noite, iso reflíctese na música que facemos”
Para celebrar o vinte aniversario do seu primeiro disco, Café Quijano está de xira e mañá recalará no Teatro García Barbón. No concerto farán un repaso por toda a súa discografía e soarán grandes clásicos do grupo como ‘La Lola’, ‘Nada de na’ ou ‘La Taberna de Buda’, pero tamén tocarán temas novos como o popular ‘Perdonarme’. Falamos cos irmáns Quijano.
O cambio de rexistro de Café Quijano en cancións como ‘Perdonarme’ ou ‘Mina’ é evidente. Era preciso reinventaros despois de 20 anos?
Non. Sempre tivemos a sorte de poder facer o que quixemos. Dentro dunha orde por suposto, pero a compañía nunca nos impuxo o que tiñamos que facer. Todo o contrario sempre nos invitaron a darlle renda solta a nosa imaxinación. É un cambio que quizais está bastante acorde cos tempos que corren un pouco máis modernos.
Como xurdiu a idea de crear un tema como ‘Perdonarme’?
É unha canción na que recoñecemos que fomos ou somos bastante pecadores e pedimos perdón. Vai dirixida a unha muller á que lle pedimos perdón.
En tódalas vosas cancións hai ese toque canalla. Iso non o perdestes?
Somos xente da nosa época… temos un bar dende fai moito tempo e por graza ou por desgraza vivimos moito a noite nalgúns momentos, iso reflíctese na música que facemos. Pero como acostumamos a dicir non sempre somos nós os protagonistas das nosas cancións senón que son historias que recreamos.
“A maioría das nosas letras contan historias reais”
Precisamente parte do éxito das vosas cancións son as historias que contan. Son historias reais?
A maioría si. Son historias que nalgúns casos presenciamos e noutros casos incluso vivimos nós mesmos.
Como evolucionou o grupo en todo este tempo?
Somos máis maiores e quizais máis prudentes pola idade. Pero en canto a música seguimos a gozar como se fora o inicio da nosa carreira.
Notades que os vosos fans mudaron co tempo ou creceron con vós?
Pois a verdade que hai de todo. Cando comezamos no 97 tiñamos un público moi variado, de 9 a 90 anos. Máis adiante, cos discos que fixemos de boleros chegamos a un público máis maior e agora notamos que con estes temas máis urbanos, máis modernos, hai máis xuventude nos concertos.
Fixestes un parón no medio da vosa carreira, por que volvestes a xuntarvos?
Decidimos parar un tempo e volvemos a sacar un disco dunha forma bastante natural. Sempre quixemos sacar os nosos propios boleros e non se nos ocorreu mellor momento.
Como levades o de ser irmáns e traballar xuntos?
Ten as súas cousas boas e as súas cousas malas. É un gusto compartir escenario entre irmáns, o malo é que como todos os irmáns discutimos porque temos as nosas diferenzas e formas diferentes de pensar. Tamén ao facernos máis maiores aprendemos a relativizar as cousas e decatarnos que nada é tan importante ou serio como para levarte mal rato.
La Lola é o bar do voso pai, continúa aberto?
Si, abriu no 1977 e continúa aberto. O noso pai está aí tódolos días cantando e tocando a guitarra, aos seus 88 anos.
Así que a profesión vos vén nos xenes?
Si, claro. O noso pai é profesor de música e dende nenos vivimos a música dunha maneira moi próxima.
“O bar do noso pai, ‘La Lola’, actuou ao comezo a modo de local de ensaio.”
Entón foi un proceso bastante natural que acabásedes montando un grupo?
Foi un proceso natural o facernos músicos, pero nunca nos imaxinábamos que íamos crear un grupo de música. No 96 cando Manolo volveu de Estados Unidos propuxo que fixéramos un grupo. No 97 fixemos un concerto no que invitamos a unha chea de xente e foi cando nos chegou a proposta de Warner, a partir de aí xurdiu todo. Pero nunca tivemos un local de ensaio como calquera outra banda. O bar do noso pai, onde durante un tempo tocábamos cada noite, actuaba a modo de local de ensaio.
Aínda é posible ir a ‘La Lola’ e atoparvos tocando?
Tocando e máis difícil. Hai veces que chegamos dun concerto e nos apetece e imos ata alí a tocar un pouco, pero non é fácil. Agora, vernos por alí é do máis habitual.
Un dos vosos primeiros éxitos foi precisamente ‘La Lola’, continúa a levantar paixóns ese tema?
Si. E ocorre algo bastante habitual, os artistas cando levamos tocando a mesma canción mil, cen mil veces pois preferiríamos tocar outros temas, pero claro a xente non a ten escoitado tantas veces entón quere que a toques. E ‘La Lola’ é un dos nosos grandes ganchos nos concertos.
Así que soará este xoves?
Por suposto. O xoves faremos un repaso por toda a discografía. O principio será un pouco pop-rock, a metade do concerto facemos un repaso polos boleros dos tres discos que sacamos e rematamos no máis alto con rock e as novas cancións que estamos a facer.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024