CAMELIAS MASCOTAS

Batalla entre vigueses e franceses nos fogóns: volve o IV concurso Retapas

A IV edición do concurso Retapas será o primeiro evento organizado pola recén creada Asociación de Comerciantes e Hostaleiros do Casco Vello, e terá lugar entre o marte 23 e o domingo 28 de marzo. Como novidade, a iniciativa contará non só con petiscos senón con cócteles, ademais de cun concurso de fotografía vía redes sociais.

Rolda de prensa do IV Retapas, con representantes dos distintos colectivos | P. Vázquez

A recentemente creada asociación Casco Vello Vigo Hostelería e Comercio, xunto coa Asociación Veciñal do barrio, levan a cabo a IV edición do concurso Retapas, a proba gastronómica na que participan moitos dos locais da zona. En anos anteriores, a proba duraba varias semanas, coincidindo unha delas coa Festa da Reconquista. Este ano o evento será algo máis reducido, cunha duración de seis días: do 23 ao 28 de marzo.

O prezo de cada un dos petiscos será de 2,50€. A batalla entre vigueses e franceses trasladarase ás tapas: os establecementos deberán facer unha proposta de tapa baseada na tradición gastronómica galega ou francesa. Se é galega contará na súa elaboración cando menos cun produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe (D.O.) ou Indicacións Xeográficas Protexidas (I.X.P.) de Galicia. A tapa francesa poderá incluir tamén produto galego.

Ademais de sólidos, este ano tamén entran a concurso líquidos, concretamente cócteles e aperitivos dirixido aos locais que non conten con cociña ou prefiran adscribirse a esta modalidade. As propostas de coctelería deberán ser ben de orixe galega, ben de orixe francesa. Estes poderán ser consumidos nos locais ata as 21:00, mentres que as tapas dependerán do horario das cociñas de cada un dos establecementos. Aínda coas bases sen pechar, en rolda de prensa adiantaron que será un concurso ben sinxelo: só terás que sacar unha foto a un dos petiscos no local, etiquetar a @cascovellovigo en Instagram e entrarás no sorteo dunha serie de descontos nos locais adheridos á asociación.

REVISTA NOVEMBRO

Fiz Axeitos, da Asociación Veciñal Casco Vello, confirmou o que xa anunciaran hai meses: a festa da Reconquista non vai ser celebrada. Iso si, tentarán realizar algunha pequena actividade ou evento, que darán a coñecer nos próximos días. Desde a asociación Casco Vello Vigo Hostelería e Comercio aseguran que o Retapas é o primeiro evento dos moitos que pretender organizar de aquí en diante.

Estes son os locais e as súas propostas:

A Curuxa: Casamento sen fundamento
A Lareira: Mononas / Monunas
Baiuca: Bacallao Baiuca
Bar Princesa: Aperitivo Cachas 
Cervexaría Nós: Mini burger Nós
Dionisio Bistro Bar: Chèrie
La Central: Chalot e Cachamuíña
La Comidilla: Boca Negra
La Consentida: Re-Consentida
La Contenta: Gofre Poulet
La Pintxoteca: Pulpipan
La Pintxoteca del mar: Nigiri de mexilón
La Quesería: Tosta de lacón con grelos e tetilla
La Sidrería Pintxoteca: El gran rabo chino
Lume de Carozo: Pepe Xeito
Paparrúa: Piton de la Fournaise / Pomme
Papaxoubas: Cocktail St. Germain
Taberna A Mina: Coq pasa pra casa / E ti, Napoleón, tamén
TerraBowls: Terra Saint Michel
Vaiche Boa: Filloa Borracha
Valdevez: Milhojas pul-pil