Nace Descúbre-As, unha plataforma para impulsar a música en feminino
Regalamúsica en colaboración coa Deputación de Pontevedra presentou onte Descúbre-As, un programa para apoiar as mulleres que queren desenvolver a súa carreira musical.
“Hoxe o soño de empoderar e visibilizar ás mulleres que fan música convértese en realidade”, sentenciou onte a presidenta da deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no acto de presentación da plataforma Descúbre-As, que tivo lugar na sede da deputación en Vigo. Descúbre-as e un programa desenrolado por Regalamúsica, co apoio da Deputación de Pontevedra, que pretende impulsar o talento feminino no ámbito da música. “ É hora de rachar tamén na música con tanto teito de cristal e tanto chan de cemento armado”, exclamou Silva.
As mozas que cursan unha carreira musical teñen en Descúbre-as unha nova canle de información, formación e contacto con artistas e representantes do sector para contribuír ao seu crecemento profesional e cumprir os seus soños. O proxecto, que se converterá nunha das accións culturais máis potentes da Deputación en 2021, busca rachar os obstáculos existentes para as mulleres no sector musical e desenvolveuse coa colaboración de profesionais, escolas de música e produtoras.
Como non podía ser doutra maneira, o propio acto de presentación estivo amenizado por actuacións femininas que serviron para simbolizar as vimbias deste proxecto. A cantautora viguesa Natary Feel interpretou en directo o tema Meiga. O seu traballo supón un aliciente para todas aquelas nenas e mozas que buscan a maneira de xestionar o seu talento e convertelo nun proxecto real. Pouco despois chegou a quenda do Coro Allegro, que interpretou un cover de Shallow de Lady Gaga. O grupo está formado por Carolina Vázquez Lemos, Amparo Mosquera Alonso, Victoria González Díez e Ana Rodríguez-Quintana Pernas, alumnas de música da Escola Allegro (Vigo). A súa participación no acto representa a todas as nenas e mozas en fase de formación en moitas outras escolas repartidas por toda a provincia. E a última en subir encol do escenario foi a cambadesa Paulinha. Esta artista é un exemplo do esforzo que supón compaxinar estudos, música e traballo para levar adiante o seu proxecto persoal.