CAMELIAS MASCOTAS

Crítica de ‘Lúa Vermella’, o último filme do vigués Lois Patiño

Este luns 9 de novembro tivo lugar a proxección de Lúa Vermella no Cineclube Lumière, nunha dobre sesión na que estivo presente o seu director, o vigués Lois Patiño. Aínda que posiblemente sexa o noso cineasta máis internacional, o seu estilo afástase radicalmente do ámbito comercial, seguindo os postulados vangardistas do coñecido como Novo Cinema Galego.

Fotograma de Lúa Vermella, de Lois Patiño

“Modelos de produción que difiren dos parámetros industriais, a utilización de linguaxes anovadoras que ponderan a experimentación e a existencia dun valor máis alá do feito puramente fílmico” son as tres premisas do Novo Cinema Galego, un movemento artístico nado neste século que abarca a creación de moitos directores e directoras do país. Un deles é Lois Patiño, quen deslumbrou á crítica no 2013 con Costa da Morte, un retrato desta paisaxe e dos traballadores que a habitan.

Sete anos despois, Patiño volve á fin do mundo para rodar esta nova peza, que se ben pode ter algunha similutude coa anterior, tamén conta con bastantes diferenzas. Se na primeira viamos ás persoas ao lonxe traballando, aquí vémolas ben preto, quedas, nun estado de introspección e de espiritualidade. Meigas, monstruos mariños, pantasmas e pescadores afogados son algúns dos misterios que nos propón o realizador vigués, todo isto ante a impoñente presenza da lúa, do bravo mar e dun enorme encoro. A realidade e a fantasía mestúranse nunha obra densa e especialmente pausada. De feito, como pode pasar coa cociña de deseño, a arte contemporánea ou as pasarelas de moda, tamén nesta ocasión hai quen ve unha obra mestra revolucionaria ou unha broma de mal gusto.

REVISTA NOVEMBRO

Consultando webs especializadas, vemos que a crítica profesional inclínase máis polo primeiro, mentres que o público non se mostra tan entusiasmado. Nada novo neste tipo de cinema, que foxe do circuito comercial para asentarse noutros ámbitos máis “cultivados”, facendo que as súas obras sexan inaccesibles para a maior parte do público. Tanto é así, que mesmo o xornalista Javier Ocaña comentou que é “un traballo moito máis achegado á instalación artística ou videocreación dun museo” que ao cinema convencional.

Tamén resulta curioso o feito de que o tema principal da película, o Rubio de Camelle (quen se interpreta a si mesmo), aparecese catro semanas antes de comezar a filmar, como indicou este luns o director. A idea era retratar a costa lucense, trazando unha liña co imaxinario popular sobre as meigas e a Santa Compaña, mais a última hora decidiu levar a acción novamente á Costa da Morte. Alí realizaron entrevistas a decenas de veciños e veciñas, para coñecer o seu sentir e a súa relación coa morte e os feitos paranormais. De feito, as persoas que vemos no filme son os propios habitantes da zona. A costa oeste non foi a única localización do filme, xa que a primeira metade da rodaxe tivo lugar na zona de Lemos, especialmente no encoro de Belesar, que xoga un importante papel no final da cinta.

Se termos como “ton poético e metafísico”, “tempo suspendido”, “espazo limítrofe entre a vida e a morte”, “vontade de explorar o tempo horizontal e vertical” e demais son do teu agrado, gozarás enormemente da película. Se, pola contra, estás algo canso do estereotipo da Galicia meiga (non nos esquezamos do discutible discurso de Benedicta Sánchez ao recoller o Goya por O que arde), da Santa Compaña e dun cinema contemplativo e supostamente intelectual, quizais mellor queda na casa.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.