CAMELIAS MASCOTAS

Vigo Industrial inicia un crowdfunding para a súa campaña de catalogación patrimonial

A asociación Vigo Industrial inicia esta semana unha campaña de crowdfunding en Verkami para poder levar adiante o programa de catalogación e difusión de seis elementos do patrimonio industrial da ría de Vigo durante o ano 2021. Podedes participar premendo aquí e ver as recompensas que ofrecen.

Interior da Conserveira Alfageme na actualidade | José Chas

Vigo Industrial naceu a comezos de 2018 como un proxecto colaborativo de catalogación, difusión e posta en valor do Patrimonio Industrial dos concellos da Ría de Vigo (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Redondela, Vigo, Nigrán, Gondomar e Baiona). Desde comezos deste 2020, Vigo Industrial tamén está constituída como asociación cultural, para así poder tamén desenvolver axeitadamente os obxetivos do proxecto polas canles oficiais.

A parte central do proxecto segue a ser a elaboración dun catálogo web no que mediante fichas individualizadas recóllense documentos (fotos, planos, patrimonio documental,…) e informacións (historia, descriptiva arquitectónica, situación urbanística,…) dos elementos máis interesantes do noso patrimonio industrial. Así mesmo, a elaboración destas fichas implica unha activación da cidadanía, xa que os traballos de investigación e recopilación desenvoltos polo equipo de Vigo Industrial establecen contactos e colaboracións entre diversos axentes do contexto da antiga fábrica, como son a veciñanza, ex-traballadores/as, empresas, institucións, investigadores/as, etc.

Nestes case tres anos de vida, o catálogo de Vigo Industrial incorporou quince fichas dos once concellos do noso ámbito, pero agora queren acadar un novo pulo. En concreto, precisan axuda para realizar un programa de traballo anual, que permita investigar e documentar seis elementos do noso patrimonio industrial durante o 2021, e que antes de que acabe ese ano, seis novas fichas (con todos os seus contidos: textos, fotos, planos…) estean a disposición de todo o público no catálogo da súa web.

REVISTA NOVEMBRO

Este programa incluiría catro fichas de elementos xa escollidos polo equipo de Vigo Industrial:

  • cargadoiro de Coto Wagner, en Cedeira, Redondela.
  • conserveira Alfageme en Bouzas, Vigo.
  • estación de tranvía de Canido en Oia, Vigo.
  • canteira do Cocho en Meira, Moaña.

E outras dúas que serán asignadas ao longo do ano. Deixan estas dúas fichas sen asignar incialmente co obxeto de ser flexibles e estar abertas a realizar a catalogación dalgúns elementos de patrimonio por razóns de urxencia, aportacións de calidade ou demanda popular.

As aportacións económicas van desde os 12€ ata os 125€, con recompensas como imáns, postais, láminas, camisetas, suadoiros, chaquetas, bolsos… Podes consultalos e participar aquí.