O programa de televisión ‘Galicia Emerxe’ reunirá a 50 músicos galegos
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acolle desdeo pasado xoves e durante cinco semanas os traballos de gravación dos 50 concertos ao vivo de Galicia Emerxe, un novo programa musical creado pola Xunta de Galicia.
Os traballos de gravación desenvolveranse durante cinco semanas no escenario instalado no Museo Centro Gaiás coa implicación de máis de vinte empresas técnicas do sector. Esta iniciativa, na que participan medio centenar de artistas e grupos galegos de moi diferentes estilos, conta cun orzamento de 500.000 euros destinados a dotar de liquidez as empresas da industria musical, así como a ofrecerlles unha nova plataforma de promoción do seu traballo mediante un atractivo formato audiovisual, deseñado para a súa emisión televisiva e a súa posterior difusión en liña.
Nomes tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro comparten programa con artistas que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros.
Este espazo musical, que conta coa implicación da TVG para a súa emisión, desenvolverase ao longo de 50 programas duns 40 minutos de duración que, ademais dos concertos, incluirán a intervención dos seus respectivos protagonistas para falar sobre a súa traxectoria e os seus proxectos máis inmediatos. Desde a Xunta subliñan o bo facer en materia de igualdade, con 12 solistas femininas e 11 masculinos, e nove grupos maioritariamente femininos das 27 bandas que se subirán a este escenario.
Os grupos e artistas que pasarán ao longo das vindeiras semanas polo escenario de Galicia Emerxe no Museo Centro Gaiás son, por orde alfabética (en negriña os vigueses e os da súa contorna): A Banda da Loba, Abraham Cupeiro, Alejandro Vargas, Ataque Escampe, Bala, Banda Crebinsky, Blanco Palamera, Boyanka Kostova, Budiño, Caldo, Dakidarría, De Vacas, Eladio y Los Seres Queridos, Faia, Familia Caamagno, Fernando Barroso, Furious Monkey House, Germán Díaz & Benxamín Otero, Ghost Beast, High Paw & Elephant Yards, Holywater, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Luar na Lubre, Marcos Teira, Margarida Mariño, María Toro, Mercedes Peón, Mounqup, Novedades Carminha, Pablo Lesuit, Pauliña, Presumido, Rodrigo Romaní, Santi Araujo, Sés, Silvia Penide, Son Trío, Sumrrá, Susana Seivane, Talabarte, Tanxugueiras, Terbutalina, The Soul Jacket, Triángulo de Amor Bizarro, Wöyza, Xan Campos Trío, Xoana, Xoel López e Zënzar.