CAMELIAS MASCOTAS

O Festival Sinsal ofrece música e encontros arredor do patrimonio natural e industrial en diferentes puntos do litoral

Concertos de Rodrigo Cuevas, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Los Hermanos Cubero e Trilitrate, patrimonio
e cinema, marisqueo e poesía, e unha xornada centrada na economía circular compoñen a programación do SinSal Litoral que se desenvolverá do 22 ao 26 de xullo en Soutomaior, Cesantes, Meirande e San Simón, Vigo e Oia.

Este ano pola crise sanitaria non poderemos gozar do Festival SinSal na Illa de San Simón, pero o evento trasládase a terra para ofrecernos diferentes accións culturais en distintos puntos do litoral entre o mércores 22 de xullo e o domingo 26. Música, si, pero tamén andainas polo patrimonio industrial e natural, poesía e cinema e unha xornada dedicada á economía circular forman parte do festival.

Encontros de pequeno formato ao redor da música, do patrimonio natural e industrial, coas xentes que os habitan e, en todos eles, o mar de perto. Sinsal Litoral SON Estrella Galicia quere ser un espazo de reflexión sobre os retos da cultura na Axenda 2030 e con actividades paralelas pola divulgación do noso patrimonio industrial e natural, construíndo unha programación cálida, de proximidade, proporcionando confianza, seguridade e atractivo para o público. É Sinsal Litoral un festival de pequenos foros, non só como manda o sentido común post pandemia senón como é tamén marca da casa.

REVISTA NOVEMBRO

O concerto de maior capacidade, para un aforo de dúascentas persoas, será o que ofreza o asturiano Rodrigo Cuevas en Soutomaior o mércores 22 de xullo; un dos músicos máis requeridos neste momento que chega a Galicia coa seducción por bandeira e co seu espectáculo de axitación folclórica “Trópico de Covadonga”.

Máis música ao vivo e de proximidade no litoral co concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio o venres 24 en Meirande. A poeta e cantante e o DJ pecharán unha xornada que comezará de mañá con turismo mariñeiro da man das mariscadoras de Cesantes e que continuará na tardiña con andaina e presentación de cinema no Centro de Interpretación de Rande (Meirande) con Javier Trigales y Alfonso Zarauza. O sábado 25 o evento trasládase a Vigo cunha proposta de andaina pola cidade máis portuaria na mañá que se completa coa actuación de Modulador de Ondas; pola tardiña, con concerto de Los Hermanos Cubero, nos Astilleros Cardama, no barrio vigués de Bouzas. O domingo 26, Sinsal Litoral despedirase a mediodía co grupo vigués Trilitrate en concerto no marabilloso enclave marítimo do Mosteiro de Oia. As inscricións e venda de entradas para todas as actividades e concertos, con capacidade limitada xa se poden adquirir a través da páxina web do festival.

En colaboración coa Fundación Paideia Galiza, o festival presenta a xornada “A senda circular” para o xoves 23 de xullo en San Simón durante todo o día, dirixida a público profesional. O obxectivo, reflexionar sobre a oportunidade de converter os desafíos existentes en espazos de mellora e evolución que nos permitan adaptarnos mellor aos cambios que se aveciñan, creando á súa vez unha economía eficiente e sostible no uso dos recursos, na protección da saúde das persoas, na protección do medio ambiente e do patrimonio cultural e orientada á persecución de obxectivos comúns.