The Wild Fest organiza un concurso de bandas emerxentes
O festival The Wild Fest que terá lugar en San Miguel de Oia do 4 ao 6 de setembro, pon en marcha a primeira edición de The battle of bands. Un concurso dirixido aos grupos ou solistas emerxentes de Galicia, que se poden inscribir ata o 15 de xullo.
A organización de The Wild convoca a primeira edición de The Battle of Bands, un concurso apoiado por Mahou e Radio Vigo que busca promover e dar a coñecer aos músicos, bandas e novos talentos de Galicia. “Non cabe dúbida de que en Galicia hai boa música e moitísimo talento. Será unha batalla de altura, no que, ademais de dar visibilidade á escena musical galega, tamén se poderá gozar con temas diferentes e orixinais, xa sexa rock, pop, folk, indie ou calquera outro estilo” afirma Óscar Gallego, director do certame The Wild.
Pódese participar ata o próximo 15 de xullo e está aberto a todos os grupos e solistas de calquera estilo sempre que un dos integrantes sexa nado en Galicia. Ademais, non deben ter máis dun disco editado. Así, nunha primeira fase o xurado, composto por cinco persoas especializadas no eido musical, elixirán a 10 bandas do total dos inscritos que deberán competir para gañarse o favor do público, os encargados de escoller aos 5 finalistas que darán un concerto no certame The Wild previsto para o 4 de setembro en San Miguel de Oia. Finalmente, e tras dalo todo sobre o escenario, o xurado decidirá ao gañador e a dous finalistas, que levarán unha dotación económica. Ademais, o solista ou a banda que consiga o primeiro premio abrirá os concertos do sábado 5 de setembro de grupos recoñecidos.
Pódense consultar as bases na web do festival The Wild.