VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

De como as Letras Galegas decidiron asentarse na cidade da oliva

Chama a atención que a maior parte das editoriais galegas se atopen instaladas nunha mesma cidade, que ademais nin sequera é capital de provincia… Moitos poderían pensar que, pola localización máis central no país e mais a súa historia universitaria, Compostela podería ser esa cidade. Porén, a historia é outra… Queres coñecela?

Se ben a imprenta chegou a Galicia por motivos eclesiásticos, xa na Idade Media, as editoriais fixérono para cubrir unha necesidade política e social. A cidade olívica foi declarada provincia en dúas ocasións durante o século XIX. Este feito facía necesario contar cunha imprenta que publicase o Boletín Provincial, un negocio que era moi rendible. A primeira destas dúas imprentas desapareceu cando Vigo perdeu a condición de provincia en 1841. A segunda, que Sebastián Iguereta abriu en 1840, sobreviviu a este feito xa que hai un sector da burguesía interesado en que exista unha publicación viguesa, polo que financia a publicación do Boletín de Vigo, primeira impresión local non dependente dos feitos políticos, que tivo unha vida moi curta. Ao mesmo tempo, na mesma imprenta, vía a luz o primeiro libro impreso en Vigo: o Catecismo Histórico de España, de Santiago Filgueira.

Houbo que esperar a 1848 para a chegada da primeira imprenta cuxo nacemento non dependía dunha decisión política e posiblemente por iso tivo unha longa vida. Ángel de Lema Marina instalouna no piso baixo dunha casiña da rúa da Oliva que daba tamén ás rúas da Palma e de Yáñez, a carón do pazo do marqués de Valadares, lugar de encontro dos liberais moderados de Vigo e un dos lugares de creación da opinión pública (hoxe en día probablemente lles chamasen influencers). Estas persoas reuníanse alí, trataban certos temas de interese xeral para a cidade e posteriormente esta imprenta publicaba nun boletín os debates, para que fosen eses mesmos asuntos os que se amentasen no día a día da cidade, en cada barrio, en cada café.

Hai certo desacordo acerca da historia da creación dese boletín e a iniciativa primixenia, pero as fontes mellor documentadas apuntan a que foi contratado á imprenta de Ángel de Lema por dous licenciados en dereito: os curmáns José Carvajal Pereira e José María Posada Pereira. Iniciou a súa publicación o 3 de novembro de 1853 baixo o nome de Faro de Vigo. Din que a idea do nome foi de Joaquín Yáñez, que se sumou á redacción posteriormente e tamén foi o seu primeiro director. Faro de Vigo pasou a ser propiedade de Ángel de Lema, que pasou de ser un mero impresor a exercer tamén como director da publicación.

En 1855, Juan Compañel funda a súa imprenta, que cubre as necesidades da parte máis progresista da cidade. É así como Vigo se converte na única localidade que conta cunha imprenta para cada ideoloxía (progresista fronte a conservadora, republicana fronte a monárquica), o que dá unha idea da tremenda dinamización sociopolítica da cidade naquel momento. Foi esta imprenta a que publicou na primavera de 1863 Cantares gallegos de Rosalía de Castro, cuxa dedicatoria asinada no libro leva a data do 17 de maio dese ano. Con razón, é o día en que celebramos as nosas letras. Aínda loce unha placa na rúa Real, nun dos lugares onde estivo situada a imprenta de Compañel, a encargada de producir esa xoia da nosa literatura. Resulta curioso que, despois desta publicación, a primeira reflexión que se divulga sobre a obra publicada na imprenta do sector republicano, chegase
por parte de José María Posada no boletín dos conservadores, o Faro de Vigo.

Editorial Galaxia

Avanzamos case un século para ver como en 1950 nacía, con sedes simultáneas en Compostela e Vigo, a ‘Editorial Galaxia’. Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro orientaron desde o inicio a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galegas, nos tempos difíciles da ditadura franquista. O mesmo feito de creala precisou de grande valentía: Entre os anos 1939 e 1950 apenas se publicaron libros en Galicia, e moito menos en galego. A edición, igual que a resistencia política e cultural, desenvólvese neste período principalmente en América, auténtico motor da produción editorial no exilio. Avenida de Madrid, 44

Edicións Xerais de Galicia

Xa en 1979, hai só catro décadas, nace ‘Edicións Xerais de Galicia’ cunha misión fundacional clara: non deixar baleiro ningún campo da comunicación impresa en Galicia, tanto para a parte literaria como para libros de texto e dicionarios. Foi quen de adaptarse ao mercado de cada momento, detectar novas necesidades e darlles resposta. Boa mostra é a colección Xabarín con traducións de clásicos como Dickens, Verne ou Wilde entre moitos outros. Hoxe as coleccións Fóra de Xogo, para o público adolescente, e Merlín, para o público infantil, están totalmente asentadas. Tamén son un referente os seus galardóns: o premio Xerais de novela, o premio Jules Verne de literatura xuvenil e o premio Merlín de literatura infantil. Rúa do doutor Marañón, 12

Ir Indo

En 1985, Bieito Ledo Cabido fundou ‘Ir Indo’, unha editorial que conta con publicacións en diversos idiomas, empezando pola nosa. Entre as súas obras destacan diversos dicionarios e a Enciclopedia Galega Universal. Avenida da Florida, 30.

Catro Ventos

‘Catro Ventos’ naceu en 2016 da necesidade de encher un baleiro que había no mundo editorial galego, malia o interese cada vez maior da sociedade en xeral, nos eidos da economía social e da ecoloxía. A súa necesaria proposta e ofrece todo tipo de servizos relacionados co mundo editorial. Rúa da Ferrería, 25

Editorial Elvira

‘Editorial Elvira’ é unha firma independente dedicada á poesía, ao libro de artista e á literatura en xeral, que vive na constante busca do libro-obxecto definitivo coidando cada detalle para conseguir que cada un dos seus libros sexa único. Rúa de Santiago, 11

Seguro que nos ha saber mellor a celebración do Día das Letras, ao sermos conscientes da fortuna que aquí temos!

Moitas grazas a Xurxo Martínez González, gran coñecedor da historia das Letras, pola súa colaboración neste artigo.

Por Arancha Vilas

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Maio 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón.]

The following two tabs change content below.
Amante da música e licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun variado currículum en comunicación, máis centrado nos últimos anos na área dixital, Arancha Vilas é unha recomendadora nata e investigadora de historias locais. A iso se dedica nas nosas páxinas. É posible que algunha vez a atopedes cantando nalgún escenario xunto á súa guitarra co alcume de ARiMagritte.

Últimos posts de Arancha Vilas (ver todos)