Coque Malla: «Los Ronaldos non enchíamos estadios,tocabamos en festas de aldea con entrada gratuíta»
[Entrevista publicada no número de outubro de 2018, previa ao concerto que deu ese mes no Auditorio Mar de Vigo. ]
Parece que o 2018 está a ser o ano de Coque Malla. Dous anos despois de El último hombre en la Tierra, o seu disco en solitario máis ambicioso e aclamado, o noutrora “Ronaldo” segue en estado de graza co álbum Irrepetible, co tema principal da película Campeones e xirando co Cuarteto Irrepetible, este 26 de outubro en Vigo.
Catro dos teus últimos cinco discos foron gravados en directo. É algo buscado ou casual?
Foi un pouco produto da casualidade, o estudio e o directo son espazos moi diferentes e cada un achega cousas diferentes. Apaixónanme os dous. É posible que eu estea máis relaxado e feliz sobre un escenario. O estudio é un proceso máis duro e esixente. Despois dos primeiros concertos dunha xira, nos que aínda a banda non está engraxada, o noventa por cento do tempo que paso no escenario é de felicidade e gozo.
Haberá algún tipo de gravación, arquivo sonoro ou vídeo, nesta xira tan especial?
Non creo, vai ser algo único, aínda que a verdade é que non custa nada gravalo. Son poucos instrumentos, non hai batería nin baixo. Mira, acabas de darme unha idea, seguramente o grave, para que quede de recordo.
Que valoración fas do que vai de ano?
Fantástica. É un proceso que vén desde La Hora de los Gigantes, o disco que veu despois da reunión de Los Ronaldos. A xente xa non ía aos concertos a ver ao cantante nin a escoitar as cancións de Los Ronaldos. Ían porque lles gustara moito ese disco. Isto foi medrando moito e estalou con El último hombre en la Tierra. Foi un salto moi grande. Tamén con Mujeres no seu día. Pero o salto meirande de todos foi, sen dúbida, con Irrepetible.
Cres que con traballo e boas cancións conseguiches que o público maioritario deixe de verte como «o de Los Ronaldos»?
Supoño que si, sobre todo grazas a manterme fiel ao que estou a facer agora. Non tirar da nostalxia nin do pasado que, se non hai un presente que o xustifique, axiña se volve vello e rancio. Con Los Ronaldos separados, que me interesa é facer cancións e discos novos, non tirar do que está no estante dos clásicos. Creo que se percibe e agradece isto.
Sentes que estás no mellor momento da túa carreira?
Sempre digo que oxalá estea no peor, porque iso significaría que quedan cousas moitísimo mellores por vir. É evidente que é un momento incrible, ademais é un éxito moito máis sólido que o de Los Ronaldos nos oitenta. Tendemos a magnificar os oitenta, pero a industria daqueles anos en España era un desastre. Tampouco eramos un grupo moi prestixioso. Ademais do éxito entre o público está o prestixio. A xente está a acostumarse a pagar entradas, cousa que nos oitenta non pasaba. Lémbrase que Los Ronaldos enchíamos estadios e non é certo, tocabamos en festas de aldea con entrada gratuíta. Agora eu encho teatros onde a xente paga unha entrada importante. Daquela poucos grupos tiñan prestixio, e nós eramos coma unha orquestra popular de luxo.
Hai algún músico que quixeras que colaborase contigo en Irrepetible que ao final non puidese estar?
Moitísimos, pero só podería escoller a catro, e creo que eses catro son o dream team. O único que se me ocorre é David Bowie, pero fóra do imposible, pouca xente mellor que eles se me veñen á cabeza.
Que tal a experiencia con Iván Ferreiro, un dos nosos músicos máis célebres?
Incrible, porque á admiración mutua que compartimos, súmalle a amizade. Vivimos momentos de todo tipo e tivemos conversas moi íntimas e profundas. Iso no escenario transmítese, nótase no vídeo, por iso está a ter tanto éxito. Trata de dous amigos falando cos ollos, vivindo cousas de xeito subterráneo, non só de dous cantantes.
Ves isto da música como unha evolución constante? Sentes a necesidade de probar cousas novas para non caer na monotonía?
Si, pero tampouco o valoro como un reto persoal. É instintivo. A miña forma de ser, curiosa, lévame a coller a guitarra para buscar harmonías e sons diferentes. Creo que a curiosidade é un dos instintos máis fortes do ser humano, e como músico déixome levar por ese instinto. E non o paro.
Dicías que unha vez que empregas cordas e metais nas cancións xa non hai volta atrás. Veremos no teu seguinte disco un Coque Malla moito máis orquestrado?
Non sei se más, pero sen dúbida as cordas van a estar presentes durante bastante tempo nos meus discos. Máis que as cordas, que tamén, o feito de fuxir dos esquemas harmónicos que xa coñezo. Ese foi o salto máis importante que fixen nestes anos. Coller a guitarra e non ir aos acordes aos que adoito ir. Eu seguía tres ou catro estruturas harmónicas básicas, e no último disco decidín saltalas e buscar outras diferentes. Cando descobres iso, é como descubrir unha mina.
Por Pablo Vázquez Varela
[Esta entrevista pertence á revista A movida de outubro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024