CAMELIAS MASCOTAS

Domingo Villar: «Escribir sobre Vigo é a miña forma de volver á casa»

[Esta entrevista foi publicada na revista de setembro de 2019, cando o escritor galego estaba a presentar o seu último libro O último barco]

Pese a ser un dos escritores galegos que máis libros vende, Domingo Villar (Vigo, 1971) destaca por desprender amabilidade e humildade. A música de piano acompaña a nosa conversa, refuxiados da calor e do rebumbio nunha das mesas situadas ao fondo do café Vitruvia. Mentres falamos, Villar non deixa de enredar co sobre de azucre que acompaña o café que pediu.

Prestoume moito ler O último barco.

Preocúpame moito que o lector entre ben na historia, quero que se deslice ben por ela e botei moito tempo a pulila para que estivese ben encerada.

Que se sente ao rematar de escribir unha novela na que levas investida toda unha década?

Por unha banda, un pouco de vertixe; por outra, alivio e por outra máis queda certa sensación de orfandade, de non saber ben a que dedicar o tempo. Ademais, o noso oficio é un pouco peculiar porque pasamos, case dun día para o outro, de ermitáns a exhibicionistas. Pasamos de estar na cova a soas co texto, a que nos poñan no foco de atención. Confeso que a parte coa que máis gozo do meu oficio é a que me ten recluído na casa traballando.

E como cando dar a obra por rematada a obra?

O difícil está en saber cando deixar de corrixir. Saber cando un empeza a escarallar o texto en lugar de melloralo. Eu leo en voz alta buscando unha música capítulo a capítulo, non remato de escribir o libro e logo comezo a corrixir. Lévame moito máis tempo porque ademais escribo os capítulos en galego e en castelán á vez. Tardo máis, pero cando remato pouco hai que tocar.

Adoitabas lerlle en voz alta a teu pai. Este libro está marcado polo seu falecemento.

Si, un pouco. Os outros dous libros linllos enteiros a el.

Que a paternidade estea tan presente no libro foi algo intencionado?

Creo que ten que ver co subconsciente. Eu tiña unha dor e a forma que teño de expresarme é a escrita. Ademais, entendo as novelas como vencellos emocionais cos lectores. É normal que cando miraba dentro de min na procura de emocións aparecese esa dor.

O da paternidade é un tema que non está moi tratado na literatura nin tampouco noutras artes, nin sequera na prensa.

Hai moitos pais neste libro. O pai de Mónica Andrade, Estévez e a paternidade que lle vén, o pai do propio Caldas, Walter Cope e a súa filla en Inglaterra. Non foi buscado pero non tiña máis remedio que acabar escribindo sobre iso. É un pouco liberador, muda a dor noutra cousa.

Escribiches con anterioridade un libro da serie do inspector Leo Caldas que non se chegou a editar, Cruces de pedra, do que tes dito que non o publicaches porque lle faltaba emoción.

Si, o remate daquel manuscrito coincidiu coa morte de meu pai. Ao darlle unha última lectura, decateime de que emocionalmente eu estaba nun lugar distinto ao do libro. Podía pulilo e rematalo ou entregalo como estaba e verter toda esa emoción no libro seguinte. Pero había unha terceira opción que me parecía máis honesta: recoller velas e empezar outra vez. O libro conta a mesma historia: a desaparición de Mónica Andrade, unha mestra de cerámica na escola de artes e oficios. O que pasa é que está escrita desde outro lugar emocional, desde outra perspectiva.

É un exercicio de moita honestidade porque deixas de facer caixa. Máis sabendo, como é o teu caso, que hai certa expectativa polas túas novelas.

Ninguén escribe para facer cartos. Ocorrésenme moitísimas formas de facer cartos con menos esforzo que escribindo libros, de feito poucos autores viven da literatura. Un escribe para soñar, para vivir unha vida paralela. Esoutra vida ten que pagar a pena, se non paga a pena, non ten sentido todo isto. Non é unha heroicidade, senón corrixir un erro. Contar unha historia coa que eu estivese satisfeito, non ten outra lectura.

Por que a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) cobra protagonismo nesta novela?

É un edificio singular. Está situado en pleno centro, pero ninguén sabe realmente o que se coce alí dentro. Recordo a primeira vez que entrei no obradoiro de lutería, soaba música barroca nos altofalantes, estaba Ramón Casal acompañando a un alumno, había un recendo a madeira acabada de cortar, a verniz e a pintura… empecei a falar con el do seu oficio e decateime de que era moi semellante ao meu. Esixe escoller boas pezas, traballalas devagar esperando que o instrumento soe ben. Namoreime do escenario.

Dixeches algunha vez que este teu último libro se elaborou paseniño, coma os traballos que alí se fan. Aínda que o mundo vai tan á présa, seica as cousas boas queren o seu tempo.

O mundo xira nunha especie de tornado, cada vez máis á présa. Porén hai cousas cuxa receita esixe dedicarlle o tempo merecido. Meu pai facía viño e, por moito internet e moito 5G, a uva non madura antes de setembro. O mundo expeditivo que tanto ocupa e tanto atrae non serve para todo.

Coma o inspector Leo Caldas, es un apaixonado da gastronomía. Tes máis similitudes co protagonista das túas novelas?

Algunhas. Compartimos un pai adegueiro, nacemos e crecemos en Vigo, imos á taberna de Eligio, os dous colaboramos na radio… Pero logo hai diferenzas grandes: el é un tipo só, na procura de certa estabilidade familiar; eu nacín nunha familia extensa, fun un neno enormemente feliz, levo 25 anos coa miña muller, teño tres fillos… a miña vida non ten nada que ver coa de Caldas. Ademais, el é policía de homicidios, ten un traballo que o pon en contacto con moita xente de xeito constante. O meu traballo obrígame a moito máis recollemento.

O mar está moi presente nas tres novelas da serie…

De neno había dúas cousas comúns a todos os rapaces. Todos tiñamos alguén da familia na emigración e algún familiar que traballaba no mar. Para min, que vivo fóra, é moi difícil pensar en Vigo e non pensar no mar.

Levas máis de 30 anos en Madrid, pero as túas novelas están ambientadas aquí.

Hemingway dicía que hai que escribir dos sitios unha vez que xa non estás neles. As lembranzas permiten trazar un mapa que pode que non sexa real no topográfico, pero é moi auténtico no emocional. Esas pontes emocionais que se tenden, son as que fan que o lector identifique o lugar. Tanto o lector de aquí como o de fóra. Que constrúa esa ría que descoñece a partir das emocións de Caldas: o cheiro a baixamar, o voo das gaivotas, os barcos entrando no porto… É, de algún xeito, a miña forma de volver á casa.

Como lectora e como viguesa, sorprendeume o detalle das túas descricións.

O non estar cerca axuda a reparar en detalles pequenos nos que non repara a xente que os ten diante todo o tempo.

Imaxínaste escribindo unha novela sobre un escenario alleo a esta cidade?

Podería ser, pero tiña que ser nalgún lugar que me producise unha emoción semellante á que me produce o recordo de Vigo. E hoxe ese lugar non existe.

REVISTA NOVEMBRO

Nos últimos tempos, a nosa cidade foi escenario de moitas outras novelas negras. Casualidade?

Vigo é un lugar marabilloso para ambientar unha novela negra. Hai un porto polo que pode entrar calquera mercancía, están os montes, un mar que é calmo nun treito e violento noutro, as illas, unha fronteira próxima, xente receosa… É normal que haxa máis autores que queiran situar as súas historias aquí.

Texto: Tamara Novoa
Fotos: Pablo Vázquez

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.