“Carácter e forza” no cartel da Reconquista
Esta mañá presentouse a nova imaxe da Reconquista de Vigo, que terá lugar do 26 ao 29 de marzo. O cartel, obra de Evaristo Pereira, mostra a un home en actitude de batalla ondeando a bandeira da cidade e cunha machada na outra man.
A Reconquista de 2020 xa ten cartel, concretamente unha ilustración do artista vigués Evaristo Pereira. Nela vemos a un home armado cunha machada e coa bandeira de Vigo na outra man, representando “o caracter e a forza” do pobo olívico, en palabras do alcalde.
Recordemos tamén que este ano a festividade, que se celebrará do xoves 26 ao domingo 29 de marzo, estrea categoría de Festa de Interese Nacional. Aínda que a programación completa aínda está por anunciar, sabemos que haberá máis actuacións na rúa, máis localizacións e máis postos no mercadiño, uns 250. Ademais, o xoves 26 será a quenda dos máis pequenos coa Reconquistiña.
Proximamente iremos coñecendo toda a información sobre esta celebración histórica que conmemora a expulsión das tropas napoleónicas da Vila de Vigo en 1809, sendo o primeiro lugar de España no que sucedía.