CAMELIAS MASCOTAS

‘O Noso Planeta’, unha mostra chea de beleza da man de Netflix

A exposición O Noso Planeta, baseada na exitosa serie documental de Netflix, chega este martes día 3 á Sede Afundación, onde estará dispoñible ata o 20 de xuño. A mostra conta con numerosas fotografías de animais e espazos naturais dunha calidade sobresaínte, ademais de proxeccións, xogos interactivos e mesmo realidade virtual.

Os amantes da fotografía de natureza están de noraboa, xa que ata o 20 de xuño poderán gozar no primeiro andar da Sede Afundación dunha coidada mostra de instantáneas do mundo animal e natural. Mais esta exposición, titulada O Noso Planeta e que chega á Vigo da man de Netflix, non só busca chamar a atención pola súa beleza: a mensaxe que hai detrás é aínda máis importante.

En palabras do reputado ecoloxista Joaquín Araújo, “ademais dunha belísima tarxeta de visita da beleza deste mundo, é un berro de auxilio, unha chamada de emerxencia ante a despiadada acción do ser humano“. Unha maneira fermosa e potente de afiliarse á loita contra a crise climática e abrazar á vida.

Esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. Seguindo os pasos da serie de Netflix, un proxecto coordinado por Alastair Fothergill e Keith Scholey e que conta coa locución de David Attenborough en inglés e de Penélope Cruz na versión española, a exposición percorre desde as minguantes selvas tropicais ata a sobreexplotada alta mar, ilustrando a destrución sen precedentes da natureza a mans do ser humano, pero dirixindo todas as esperanzas cara á súa incrible capacidade de recuperarse.

REVISTA NOVEMBRO

A través dos apartados Mundos de xeo, Auga doce, Praderías, Desertos, Bosques, Selvas, Litorais e Alta mar repártense numerosas imaxes que ilustran a biodiversidade do noso planeta, sempre acompañadas por un parágrafo contextualizador. A mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos interactivos entre os que destacan un módulo de realidade virtual no que os visitantes poderán camiñar entre mamuts a través duns lentes, ou o módulo O noso planeta virtual que ofrece a oportunidade de percorrer o mundo utilizando tamén a tecnoloxía que ofrece a realidade virtual.

A maiores haberá numerosas actividades paralelas á exposición, como as visitas guiadas para escolares, o ciclo de cinema Cinema e natureza coas proxeccións de A princesa Mononoke, Mañá, Alma salvaxe, Wall-E e A viaxe do emperador ou o curso de cociña en familia: alimentación para un planeta sostible. As proxeccións serán o 13, o 20 e o 27 de abril, e os días 4 e 11 de maio, todas elas ás 19.30 h.

A expo poderá visitarse de luns a venres de 17:30 a 20:30 e os sábados de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30. Ademais, realizaranse visitas guiadas os xoves ás 19:00.