As luces da cultura xa están acesas en Príncipe
‘As outras luces de Vigo’ é unha mostra fotográfica na que aparecen retratadas diferentes persoas da cultura viguesa posando con luces led, pode visitarse na rúa Príncipe (diante do MARCO) ata o domingo día 10. Fotos: Juan Teixeira
Onte, a equipa de A Movida acendemos ‘As outras luces de Vigo’, unha exposición para dar luz a cultura viguesa. Tony Lomba foi o encargado de conducir o gran evento de acendido das luces e o fixo acompañado da maior parte dos artistas retratados: Antonio Durán ‘Morris’, Ledicia Costas, María Xosé Queizán, Patricia Moon, Xosé Luís Méndez Ferrín, Eladio Santos, Silvia Penas, Lupita Hard e Kaixo. Non puideron asistir ao acto, pero tamén aparecen nas fotografías Marta Larralde, Julián Hernández e Silvia Superstar.
Eles son as verdadeiras luces de Vigo. E non só eles, pois esta é unha pequenísima escolma de todo o talento que hai na nosa cidade. É importante que nos sintamos orgullosos de todo o que aquí se fai, porque co seu traballo contribúen a facer crecer o noso patrimonio cultural.
O obxectivo de A Movida, desde o seu nacemento, é o de dar luz a cultura. O facemos desde o inicio a través da nosa web e revista en papel. Con esta mostra queremos achegala a rúa dunha forma aínda máis visual. As fotografías tomadas por Pablo Vázquez, que tamén están recollidas na revista en papel de novembro, poden verse en Príncipe (diante do museo MARCO) ata o domingo día 10.
Todo isto non tería sido posible sen o apoio de moita xente. Queremos dar as grazas a Xenera por axudarnos a iluminar a cultura, a Escola de Fotografía Zona 5 e a Yago Iglesias Fotografía por cedernos os seus estudios fotográficos e, por suposto, a todos os artistas que se implicaron por poñer cara a nosa reivindicación; a eles, que brillan con luz propia, grazas.