Finde de autoedición, música e vangarda co No Tengo Mamá V
Chega a V edición do No Tengo Mamá en Vigo os días 29, 30 e 31 de agosto. Un festival cuxo principal obxectivo é apoiar a vertente menos comercial das artes gráficas e musicais e se atopará xusto detrás do Museo da Arte Contemporánea, MARCO, e na Maison Ruina. Trátase dun evento de balde, agás o fin de festa na Sala Masterclub que custará de 10€ a 12€.
No Tengo Mamá V é un festival que serve de escaparate para grandes artistas emerxentes tanto da música como das artes gráficas. O evento dura tres días e conta con dúas moi boas localizacións, Maison Ruina e o espazo que hai detrás do MARCO, onde se poderá gozar de actuacións musicais, actividades infantís ou un mercadiño entre outras moitas cousas. Algúns dos artistas que poderemos ver no festival, que foron escollidos de maneira previa debido ás numerosas candidaturas, son Abi Castillo, Cata Ukelele ou Zulo Azul.
Malandrómeda, Galope Mestizo ou Yuraq Walla serán algunhas das actuacións musicais das que gozaremos de balde durante o festival. Un evento organizado por xente nova e emprendedora da cidade, que quere que se visualicen as obras de artistas emerxentes que non teñen cabida nos grandes escaparates. Desde Barcelona, Madrid e mesmo dos nosos países veciños, Francia e Portugal, haberá representación nesta quinta edición do No Tengo Mamá.
Non faltarán os obradoiros e actividades infantís. Eixaesisa falará sobre serigrafía e Pin Tam Pon entreterá aos maís pequenos baixo o título Vaia Tropa!.
O festival botará o peche cun fin de festa na Masterclub cun cartel formado polos artistas Purila Sniper, El Coleta, La Eterna e Pálida e o prezo da entrada para poder acudir é de 10€ anticipada e 12€ na billeteira. Unha inxección artística que durará tres días e que dará outro aire artístico á nosa cidade.