CAMELIAS MASCOTAS

Rocío Márquez encabeza o cartel do Sinsal Museo do Mar de setembro

A artista de flamenco Rocío Márquez, xunto con Mary Lattimore, Faia Díaz e Iko Cuyagua, forman o cartel completo do Sinsal Museo do Mar, que se celebrará nesta localización os días 7 e 8 de setembro. As entradas sairán a comezos de agosto.

REVISTA NOVEMBRO
Fotografía promocional de Rocío Márquez

Sinsal despídese de San Simón ata o vindeiro ano, mais o festival móvese ao Museo do Mar de Galicia, os días 7 e 8 de setembro, con Rocío Márquez de cabeza de cartel. Despois de catro días de música e actividades nese espazo único que é a Illa de San Simón, a organización do festival avaliará, como é habitual, o impacto e resultados das medidas a prol dun evento sostible, entendido como respectuoso, aberto e participativo. 

Sinsal continúa coa súa estratexia de sostibilidade nos ámbitos social, medioambiental e económico. Protagonismo de mulleres no staff e cartel artístico, eliminación de plásticos, oferta gastronómica diversa con produto ecolóxico e local, segunda oportunidade para materiais ou propostas de transporte compartido, son algunhas das accións impulsadas. O obxectivo a curto prazo: que público, colaboradores e provedores se impliquen na estratexia do festival, como parte que son do mesmo.

Volvendo ao Museo do Mar, trátase dun evento que nacía o pasado ano en Vigo co obxectivo de 
poñer en marcha un festival no que a música e o patrimonio marítimo fosen da man.
Sinsalaudio aproveitou a celebración do festival en San Simón para anunciar que Rocío Márquez, referente xa do flamenco que racha cos clichés do xénero, encabezará un cartel do que tamén participan a arpista Mary Lattimore, a cantante galega Faia Díaz ou o grupo Iko Cuyagua, un dos gañadores do concurso que cada ano pon en marcha Estudios Mans, da Fundación Paideia. Ademais, a ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) mostrará un proxecto ao redor do universo de Verne. As entradas sairán á venda a principios de agosto.