UVIGO
CAMELIAS NADAL

A banda sonora do XIX O Marisquiño estará encabezada por Eric Bobo (ex-Cypress Hill)

A música volverá ser protagonista destacada da XIX edición de O Marisquiño na que estará presentes grandes nomes do rock, trap, punk e electrónica como o estadounidense Eric Bobo, ex membro da mítica banda Cypress Hill e colaborador de Beastie Boys, Niña Coyote eta Niño Tornado, Jota Mayúscula ou o vigués Kyotto.

Eric Bobo (esq.), na foto co resto de Cypress Hill, será o gran nome desta XIX edición

Xa coñecemos a que será a banda sonora do XIX O Marisquiño, dividida en dous escenarios (Sunset e Superbock) e formada por potentes nomes da música alternativa nacional e unha cabeza de cartel como Eric Bobo, ex membro da mítica banda Cypress Hill e colaborador de Beastie Boys. Tamén destaca a presenza local, con artistas como Nahno Selectah, High Paw, Kaixo ou Kyotto. Como en anos anteriores, haberá unha zona, o Dub Corner, ideal para continuar a festa ben entrada a noite a ritmo de Skank-Fu Hi Fi.

Comezando polo xoves 8 de agosto, abrirá o vigués Nahno Selectah, veterano DJ do Rass/Kingston ao longo de 15 anos, selector de música xamaicana de todas as épocas, desde Ska, pasando por Rocksteady, Rooots ata o Dancehall máis moderno. Tras el virá High Paw, artista viguesa habitual nos xoves de reggae de El Contrabajo Club, entre outros moitos lugares. Levou os seus cálidos ritmos por toda a península e incluso México, onde tamén se renderon ante o seu carisma e mestría.

O venres 9 virá con triplete de música, con DJs como a barcelonesa Awwz ou o madrileño Jota Mayúscula, encargado de pechar a xornada. O dúo de Madrid de batería e guitarra Yawner abrirán os concertos ás 20:55, precedendo ao de Kaixo, o rompedor artista local de música urbana. O seu novo traballo The Black Bloc pode marcar un antes e un despois na súa traxectoria, sempre dous pasos por diante, desprexuizado e indo a por todas.

No escenario Superbock, o valenciá Fusa Nocta traerá as súas letras cargadas de contido social e feminista, deixando paso ao gran nome deste ano: Eric Bobo. O explosivo show deste membro de Cypress Hill no promete unha inesquecible velada de clásicos do hip hop, funk, así como cumbia, trap e material propio co que, o tamén colaborador dos Beastie Boys durante a década dos 90, volverá tolo ao público do festival.

A festa continúa o sábado 10. O director de Atrvpadxs en Radio 3 Extra (RTVE), Ramiroquai Dj, abrirá a xornada traendo ao escenario os sons máis vangardistas dentro do espectro urbano. Seguimos co vigués Kyotto, un dos nomes de presente e futuro da música urbana nacional, cuxo tema My own ten xa máis de 7 millóns de visualizacións en Youtube. Fran Laoren e Mery Oaks completan a escaleta do escenario Sunset, mentres que no outro aínda nos agardan os concertos do cuarteto de punk pop Biznaga, a galega Eme DJ e Niña Coyote eta Chico Tornado, banda donostiarra de rock desértico e intensidad envexable.

REVISTA NADAL

Se aínda quedaches con ganas de máis, o domingo 11 pecharán esta XIX edición tres picadiscos coruñeses: Judah GT, beatmaker/productor orientado ao hip hop e aos seus derivados electrónicos, ademais de fundador do colectivo Norweside ; DL Blando, capaz de espir os seus medos e desenganos a través de potentes composicións, facendo un uso mestre do autotune; e Grobas, creador das míticas 981Sessions e 981Festival, primeiro DJ galego en actuar no Sonar en 1998 e cunha traxectoria que o ten levado por Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña.