CAMELIAS MASCOTAS

O documental sobre a escena musical viguesa, Cuna de músicos, xa pode verse en Youtube

A partir deste venres 19, poderemos ver en Youtube Cuna de músicos, o documental que amosa a evolución e a riqueza da música viguesa desde os 80 ata agora, a través de entrevistas cos músicos que a crean.

Eladio Santos en La Casa da Arriba, nun fotograma do filme

No 2017 Pablo Vázquez e Denis Carballás enfrontábanse á tarefa de realizar o proxecto de fin de carreira de Comunicación audiovisual. Ambos devotos da escena musical viguesa, decatáronse de que non existía aínda testemuño audiovisual da rica produción que estaba vivindo a cidade e puxéronse mans á obra. O resultado é Cuna de músicos, un documental sobre as bandas que habitan a cidade na actualidade, centrado na escena rock e indie, moi ligada á vida nocturna do barrio de Churruca.

Cuna de músicos fai un percorrido visual e sonoro por tres etapas de música e movida viguesa: os 80, os 90 e a actualidade, dedicando a maior parte do tempo a esta terceira. “Non queríamos facer outro documental sobre os músicos dos 80, pero tampouco tiña sentido falar dos de agora sen nomear, por exemplo, a Siniestro”, explica Vázquez. De feito, a mitificación da escena viguesa dos 80 é un temas dos que se fala na peza que tamén abordan o nacemento de salas como La Iguana, o cambio de modelo da industria da música, a piratería e, en definitiva, todo aquilo que está arredor do oficio de compoñer melodías e facernos sentir con elas.

REVISTA NOVEMBRO

Todo isto constrúese a través dunha narración coral, baseada en entrevistas aos protagonistas de hoxe e outrora. Así, o relato constrúese, a través das memorias e consideracións que narran en primeira persoa Julián Hernández (Siniestro Total), Germán Fandiño (Tony Lomba), Nicolás Pastoriza (La Marabunta, Bromea o Qué), Eladio Santos (Eladio y los Seres Queridos), Suso Hidalgo (Discos Elepé), Javier Abreu, Óscar Avendaño (Siniestro Total, Reposado), Miguel Costas (Siniestro Total, Aerolíneas Federales), Linda Lamarr (Los Duques de Monterrey, Heroínas), Indy Tumbita, Fran Fernández (La Iguana Club), Quique Rodríguez (La Fábrica de Chocolate), Roy Basanta, Mauro Comesaña e Toño López (The Soul Jacket), Sergio Martínez (Basanta, Dallasgracias) e Nacho Dafonte (Presumido).

O 19 de outubro de 2017 os dous directores noveles presentaron o documental en La Casa de Arriba, constatando o éxito da súa creación ao encher a sala nos dous pases programados. Desde entón, Cuna de músicos puido verse noutras dez ocasións, dentro e fóra da nosa cidade. Por exemplo, proxectouse no Auditorio do Concello de Vigo, en Ponteareas ou en Alicante e foi seleccionada para ser exhibida no Festival Cineuropa de Santiago de Compostela. Agora, os seus autores decidiron colgala na plataforma Youtube, dando acceso libre e gratuíto a todo aquel que queira coñecer a historia recente da música viguesa.

Despois da boa experiencia, Vázquez e Carballás seguiron traballando xuntos na produción de audiovisuais. E a súa relación co mundo da música continúa a dar froitos. Nos últimos tempos, gravaron os videoclips dalgunhas das bandas máis coñecidas de Vigo, como Indy Tumbita, de The Soul Jacket, Rainbow Pills, seleccionado na Festa dos Videoclips do Primavera do Cine (que poderemos ver o sábado 4 de maio ás 21h no Espazo Mahou).

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.