As Baloutas Fest trae a Remember Queen o 10 de maio
O próximo venres 10 de maio terá lugar no campo de fútbol da Unión Deportiva Mos As Baloutas Fest, no que poderemos asistir a unha homenaxe a Freddie Mercury e á súa banda da man dos italianos Remember Queen . As entradas anticipadas están desde 15€.
As Baloutas Fest, é o festival musical para toda a familia que xermina da man da Unión Deportiva Mos e promoven o Concello de Mos e a Xunta de Galicia, que se celebrará o vindeiro venres 10 de maio no campo de fútbol de Mos, a partir das 19:00.
Un festival que nace co obxectivo de facer gozar tanto a adultos como a crianzas dun extraordinario espectáculo ao aire libre, acompañado dunha zona de restauración cunha variada oferta gastronómica de foodtrucks e amenizada con DJs picando a mellor música pop rock dos 70, 80 e 90. E por se quedas con ganas de festa, tras o concerto seguirán os DJs poñendo a mellor música para facer que movas o esqueleto.
O prato forte da noite será o concerto dos italianos Remember Queen, un tributo á banda británica liderada por Freddie Mercury. Un espectáculo poderoso que conta cun longo percorrido e unha consolidada experiencia, utilizando a formación exacta, xunto a dez pezas de vestiario e incluíndo unha selección de vídeos de Queen durante todo a performance que servirán para repasar os mellores momentos da banda, que curiosamente está a vivir unha segunda etapa dourada sen o seu líder.
Ademais do xa mencionado, haberá programa de radio en directo da man da emisora local Single Radio, evento que será presentado por Antonio Varela, Javier Presley e Agustín Gus, os cales amenizarán o evento para o público asistente e aqueles que se atopen na zona de restauración. O prezo dos billetes anticipados será de 15€, mentres que o propio día terán un custo de 20€. Podes adquirir aquí as anticipadas. Os menores de 6 anos poderán acceder gratis ao recinto.