CAMELIAS MASCOTAS

Artistas vigueses despiden ao Pergamiño Vindel cun gran concerto o vindeiro 3 de marzo

‘O primeiro elepé vigués’ reunirá a 11 artistas galegos para despedir a exposición do Pergamiño Vindel o vindeiro 3 de marzo no Teatro Afundación. O concerto, que reunirá a artistas de tres xeracións diferentes como Pablo Novoa, Iván e Amaro Ferreiro, Susana Seivane ou Wöyza, é unha homenaxe aos trobadores de Vigo, de antes e da actualidade.

Os artistas que desfilarán polo escenario do Teatro García Barbón interpretarán dous temas propios: un en solitario e un segundo en compañía doutro dos artistas protagonistas do evento. Actuarán veteranos da música como Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza ou Víctor Aparicio, que foron parte da movida viguesa, un dos períodos máis frutíferos da música local. Tamén haberá representación desa xeración herdeira dos anos da movida. Iván e Amaro Ferreiro, que conseguiron recoñecemento nacional na década dos 90 con Piratas e que aínda agora colectan éxitos nas súas carreiras por separado, estarán presentes neste gran evento. Ao igual que a violonchelista Rosa Cedrón ou a gaiteira Susana Seivane que ten levado a música galega alén das nosas costas. Eladio Santos, un dos principais actores da noite viguesa e pregoeiro da música tradicional, tampouco faltará.

A xeración máis actual estará representada con tres mulleres que están pegando forte. Os sons máis urbanos chegarán da man da cantante de soul Wöyza, Patricia Moon traerá sons clásicos combinados con ritmos actuais e a rebeldía punk virá da man de Lucía Martínez, baixista de Agoraphobia.

REVISTA NOVEMBRO

O concerto será presentado pola tamén música Lydia Botana que fiará as actuacións e homenaxeará a Martín Códax. O ‘Pergamiño Vindel’ que ata o vindeiro 4 de marzo se atopa exposto no Museo do Mar é o primeiro documento escrito en lingua galega do que se ten rexistro. De aí a súa importancia histórica e o nome deste concerto ‘O primeiro elepé vigués’ porque o devandito pergamiño é tamén a primeira mostra de música gravada na nosa lingua.

Outras actuacións en torno ao pergamiño
O concerto do 3 de marzo non será o único espectáculo, hai outras tres actuacións programadas no Museo do Mar entre febreiro e marzo. A primeira correrá a cargo de Ulobit e será o venres 2 de febreiro. Baixo o título ‘Variacións de Martín Códax, o trío Ulobit, que contará coa participación de catro artistas invitados, ofrecerá un concerto no que mesturarán audiovisual, música, danza e voz. O 25 de febreiro celebrarase o concerto ‘Os nosos: Martín Códax e o seu tempo’. Baixo a dirección de Laberto Abal interpretarase a estrea absoluta da obra ‘As sete cantigas de Martín Códax’, de José Barja Iglesias. O músico, profesor, compositor e mestre organista faleceu o ano pasado polo que o espectáculo se converte nunha homenaxe póstuma.

Por último, o Conservatorio Superior de Música de Vigo interpretará As Cantigas de Martín Códax no Pergamiño Vindel o día 1 de marzo. Nesta actuación só se empregarán instrumentos que están documentados na música medieval galega, para intentar que a representación sexa o máis fiel posible a realidade de aquel tempo.