CAMELIAS MASCOTAS

No Tengo Mamá dálle voz aos artistas independentes

Hoxe e mañá na rúa Londres (Detrás do Marco) podes coñecer as propostas de moitos artistas independentes grazas a No Tengo Mamá, un festival que ten por eixo central a autoedición. De forma paralela desenvolveranse obradoiros e actividades artísticas gratuítas.

REVISTA NOVEMBRO

O corazón do festival No Tengo Mamá é o mercadiño no que participan 40 artistas independentes e que abre as súas portas esta tarde a partir das 16:00 horas. Situado en pleno centro da cidade, na rúa Londres, atoparemos libros, revistas, fanzines, música, ilustracións… todo autoeditado porque esa é a razón de ser do evento: defender aqueles artistas que non teñen unha produtora ou unha editorial as súas costas. En palabras dos organizadores “o noso obxectivo é crear un espazo aberto para que estes artistas, habitualmente ignorados polos mass media e os circuítos artísticos e editoriais comerciais, teñan a oportunidade de difundir a súa obra e monetizala, de forma que poidan darlle continuidade”.

Paralelamente ao mercado se desenvolverán actividades e obradoiros nos que arte e a creatividade estarán ben presentes. Por exemplo na intervención plástica de Tayone ou no obradoiro artístico de José Quintaner, ambas actividades terán lugar esta tarde. A banda deseñada será un dos elementos centrais. Begoña-García Alén impartirá un obradoiro infantil de cómic o sábado ao mediodía e pola tarde haberá unha mesa redonda na que se debaterá sobre o cómic e as trabas que presenta a autoedición.

O festival tamén conta cunha ampla oferta musical. Durante estas dúas xornadas os asistentes poderán gozar das actuación de Cuello, Galope Mestizo, Jay, Los Manises, María Reis, Radio Poronga, Rayotaser e Yuraq Walla. E para o fin de festa están programados os concertos de Boyanka Kostova e Obaa Sima na Sala Mondo o sábado noite.
Podes consultar toda a programación do festival facendo click no evento de debaixo.

(GMT+01:00) Detrás do MARCO