CAMELIAS NADAL

Chiringuitos veraniegos onde gozar da música e do solpor

Un dos plans exclusivos desta época do ano é acudir aos chiringuitos preto das praias, especialmente ao solpor. Máis aínda cando algúns deles propoñen unha oferta cultural de concertos e outras actividades para atraer cada vez a máis público, conscientes de que a súa vida anual é intensa pero moi breve. 

Pola zona de Samil, un dos locais con maior actividade é La Vela, que case todos os martes de verán ofrece un concerto aos seus clientes. Durante estes meses, o chiringuito programou a bandas como The Big Bang Band, La Supersonic, AAF’ 60, Vilar Exprés ou Os Meninos.

A última data confirmada ata agora é para este martes 28, onde Candido Pazó contará oralmente as súas historias na terraza. A idea de La Vela é continuar coa programación ata finais de setembro, con dúas ou tres actuacións máis, non necesariamente en martes, pero iso dependerá especialmente da climatoloxía.

Outro dos locais con máis movemento nestas datas é O Pirata, que vén de celebrar a semana pasada o exitoso festival benéfico San Rock. Polo chiringuito pasaron bandas como Losto Kinsky, La Comunidad, Adolfo FH, Rebeca Rods ou Mustang.

Do que queda de programación, repartida como é habitual entre os mércores e os sábados, hoxe actuará de novo o vocalista de Stoned at Pompeii, Adolfo FH,  o sábado 25 o grupo de soul La Chata e para pechar o mes, o mércores 29 concerto da banda de rock Los Naipes. A intención para setembro é a de facer dúas actuacións os dous primeiros sábados do mes, sempre e cando o tempo o permita. Nese caso, o sábado 8 de setembro terá lugar a festa de despedida do local ata o ano que vén.

Xa na zona do Vao atopamos Beach Escolas, que ademais de ensinar surf e inglés, ofrecen numerosas actuacións musicais ao longo do verán. Algunhas delas foron, tanto en sesión vermú como ao final da tarde, as de Blackstereo, Rober Carcos, Komoayer, New Strings ou Onasis.

VINA COSTEIRA

Outros lugares preto da praia e do mar nos que gozar dun bo solpor e tomar algo ao tempo son A Lúa, en Samil, o Chiringuito de Fortiñón, en Saiáns, o Bar del Puerto, en Canido, ou algúns dos locais no paseo de Samil como o Camaleón e o Marina Cíes.