VIALIA
PLAYDOC

Fran Fernández Davila: “A escrita é para min moito mellor que un Diazepam”

Defínese como fillo de Humberto, mecánico engraxador nun barco de pesca de altura, e Benilde, ama de casa, labrega e obreira nunha fábrica de conservas. Fran Fernández Davila (Vigo, 1974) estudou enxeñaría, profesión que vén exercendo dende o ano 2000, deseñando e construíndo máquinas e instalacións que conxelen e conserven cousas. Segundo el mesmo confesa, comezou a escribir en 2016 como terapia antiestrés, e desde entón, e ata este ano, gañou máis dunha trintena de premios, a metade de poesía e a metade de narrativa, o que o levou a múltiples publicacións colectivas e sete libros individuais, cinco novelas, A senda de sal, Alana, O bosque do duque. ‘s-HertogenboschPrimavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas e Groenlandia, e os seus dous poemarios en solitario, Mover os marcos (2019) e koиpostєla.

Sección patrocinada por Deleite

Fran Fernández Davila en Monteferro | Lara Alonso

Foi instantáneo, nada máis me apuntei ao primeiro obradoiro presencial a miña disposición mental cambiou. A escrita comezou a ocupar unha porción moi grande do meu pensamento. Non só durante as sesións, que agardaba con avaricia, senón tamén o resto dos días da semana. De socate, todos eses momentos de impás que aproveitan os problemas para enzoufar a mente desapareceron e a escrita, é dicir, as ideas, os relatos, os poemas substituíron as matinacións pola ilusión, o estrés pola creatividade. Moito mellor ca un Diazepam.

Esas novas guían e animan a seguir adiante. Por moito que o neguemos, todas as escritoras e escritores temos a autoestima delegada. Hai quen busca esa autoestima na súa merecida lexión de lectoras e lectores, que eu non teño. Hai quen a atopa nos amigos, que tampouco. Hai quen o basea na crítica, que non me fai caso. E hai quen, coma min, obriga a un pobre grupo de sufridores voluntarios, definidos como xurado, a ler todo que lle pasa polo teclado do ordenador. Que mérito teñen os xurados. Que traballo pasan. Sen os premios, todos os meus escritos estarían pechados nun escuro alxube do Google Drive.

Por certo, agora que o penso, creo que se podería crear un sistema de valoración de escritoras e escritores, tipo valoración por estrelas, baseada neses catro parámetros que menciono: lectores, amigos, crítica, premios. Unha estrela por cada un. Habería que pensar cal sería a quinta estrela.

“Sen os premios, todos os meus escritos estarían pechados nun escuro alxube do Google Drive”

Pois naceu nunha habitación de hotel en Nantes, en novembro do ano 2018, á que chego coma hóspede. Era un hotel modesto, que xa coñecía, e que non destacaba xeralmente polos detalles. Porén naquela ocasión a habitación estaba máis que perfecta, con cheiro a fresco, o nórdico branco e liso e dous bombóns na almofada. Por suposto, o primeiro que me veu á cabeza foi preguntarme pola persoa que arranxara o cuarto con tanto esmero e agarimo, un agarimo polo seu traballo que lograra transmitir ao cuarto e este ao hóspede, unha persoa que nunca coñecería pero coa que establecería unha comunicación moi particular durante unha semana. A través do cuarto que ocupariamos en momentos distintos do día, o mesmo espazo en tempos distintos. Pasei aquela noite a escribir o primeiro capítulo, que eu non consideraba máis que un relato, e aí quedou, o relato, “co rabo no río” como diría Celso Sanmartín por un par de anos, até que no outono do 2020, nun obradoiro en Santiago, o leu Suso de Toro, e el fíxome crer que podía ser algo máis. Mira ti. A partir de aí tomeino en serio e comecei a construír a novela na miña mente, a voz de Moncha, que quería que se parecese un pouco a min, á miña voz interior e á Sheldon Cooper, por aquilo dos seus TOCs e a síndrome de Asperger, pero non sei se o logrei.

Primavera é obviamente a miña novela máis influída pola poesía. A poesía está no título e é o que desencadea todos os sucesos que se contan. E a poesía que me gusta, que me guía, é a poesía galega de agora, a de hoxe, a que sabe buscar beleza no cotián, onde normalmente non miramos por obvio e rutineiro. A poesía que sabe mirar neses currunchos e atopar beleza por planetas. Eu, polo fracturado do meu tempo libre, leo moita máis poesía que narrativa. Saco máis pracer do estilo, da forma que das tramas e os eventos. Por iso quero que cando escribo, o lector poida sempre volver ao libro para relelo, ou abrilo por calquera páxina e desfrutar, coma se fose un poemario. Por iso encho os libros de detalles nimios, aparente innecesarios, como facía Ibáñez cos tebeos. Para que as lectoras e lectores poidan seguir atopando cousas novas cada vez.

Fran Fernández Davila | Lara Alonso

Este tema tíñao claro desde o principio. Tiña escrito o comezo da novela, o estado inicial da protagonista: a precariedade, a profesionalidade, o sacrificio… E tiña claro tamén o final, a literatura coma salvavidas. O que máis me custou foi atopar o camiño, a estrutura, o balance entre as dúas tramas principais. E foi na construción dese camiño onde atopei o resto das personaxes, as súas feblezas, a súa resistencia ao cambio, o absurdo de certos aspectos da vida que durante anos enchen por completo as nosas cabezas e, dun día para outro, cae unha bomba e amósanse coma o que realmente son, só teimas, manías, costumes que usamos para non enfrontarnos á realidade, á necesidade de avanzar.

A novela é unha reflexión sobre a futilidade dos recordos. Por que reconstruílos? Por que aferrarse a eles? Coñezo a moita xente, eu mesmo son un deles, que vive aferrada a un pasado negativo e ese pasado é unha lousa, unha áncora que lles impide saír a flote, como na escena do principio da novela. E como nesa escena, hai moita xente para a que unha amnesia sería unha bendición. A miña gran teima en Groenlandia é o dereito a esquecer, a comezar unha nova vida, desde o -273,15 (este é un chiste para termodinámicos). Quen non desexou algunha vez borrar todo e comezar de cero? O que pasa é que eu quería unha novela dinámica, de amor, humor e aventuras, pero xa se sabe que os libros son como os fillos, que escollen camiños non planeados. Mesmo Míriam Ferradáns díxome unha vez que era unha novela negra, que semellaba escrita por Domingo Villar.

“A poesía que me gusta é a que sabe buscar beleza no cotián, onde normalmente non miramos por obvio e rutineiro”

Trato de escribir o que me gusta e, como lector, é raro que eu conecte con novelas de máis de duascentas páxinas. Eu son dos que pensan que hai que ter moi boas razóns para usar unha extensión maior. E isto estacho a dicir un fan do Silmarillion, o Hobbit e O señor dos aneis. Respecto ao proceso, non teño unha metodoloxía definida. Cada unha das miñas novelas foi elaborada dunha forma distinta. Xénero, arquitectura, planificación (ou non)… Mesmo a ferramenta de escritura foi diferente: ordenador, tablet, móbil, a man… Podería dicir que é a mantenta para quedar ben, que iso lle dá a cada libro un carácter único, pero a realidade é que non sabería facelo doutro xeito ou, dito doutra forma, non sabería repetir un mesmo proceso dúas veces. Cada obra pide nacer ao seu xeito. Cada libro é fillo do eu de cada tempo, e non dos outros eu dos outros tempos. Creo que o único común a todas elas é o ton lírico, o gusto polo ritmo e por levar a linguaxe un pouco máis alá.

Mundano, mundano, non sei… Adoro o meu traballo e ademais, levoume moito máis lonxe (e falo tamén de quilómetros) do que me levará nunca a miña escrita. Dicíame o outro día un dos grandes escritores galegos vivos que, por certo, tamén é enxeñeiro: “Os enxeñeiros temos máis vida” e penso que iso me axuda a crear. Non me entendades mal. Quen traballa en profesións artísticas ou humanísticas e logo escribe pasa as vinte e catro horas do día cun esquema mental homoxéneo. Como que non ten que reconfigurar as neuronas (que envexa!). Pero os que traballamos en profesións máis de ferro e cifras bebemos de fontes diferentes e temos procesos de pensamento distintos. Aínda así, a enxeñería é a aplicación creativa da ciencia e eu úsoa tamén na miña escrita. Groenlandia está chea dela. Non sei, atreveríame incluso a dicir que ningunha das miñas obras existirían tal como son se eu non fose enxeñeiro.

Non me podo permitir unha rutina diaria de dúas ou tres horas diarias, coma un escritor profesional, pero leo case todos os días, aínda que dunha forma fraccionada. E nunhas épocas máis ca outras. Viaxo moito, leo en avións, hoteis e aeroportos, e as semanas que paro na casa, a miña actividade favorita é acompañar á miña filla á escola e ás extraescolares. Aí aproveito os tempos de agarda. Ese tempo fraccionado favorece moito a lectura de poesía e de novela curta. Son fan da poesía galega dos últimos 30 anos: Lupe Gómez, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Marta Dacosta… mataría por un novo libro de Míriam Ferradáns. En narrativa, son monoteísta. O meu referente absoluto é Alessandro Baricco, aínda que Primavera está moi influída por Hozuki de Aki Shimazaki, que descubrín en galego gracias a Rinoceronte. Despois vou saltando duns autores a outros sen patrón ningún. Este ano comecei con Houllebecg, que me repugna e hipnotiza a partes iguais; Ledicia Costas, que nunca defrauda; o interesante Álex Alonso e agora estou alucinando co primeiro das dúas compilacións de relatos de Ted Chiang.

“A literatura galega vivirá máis anos que a súa lingua”

Véxoo en feminino, claramente, cun presente enorme e un futuro aínda maior, sobre todo na poesía. Hai que liquidar o cáncer da precariedade. Non pode ser que os ingresos económicos por actividade literaria das nosas mellores escritoras e escritores non se acheguen nin ao SMI. Sobran dedos dunha man para contar as autoras que o superan. E iso impide a dedicación plena. Se a nosa literatura consegue os premios nacionais que consegue, imaxina o que faría cunhas condicións máis profesionalizadas. E ollo, que eu non falo de subvencionar nomes (iso xa é política), senón de crear un sistema que permita a unha autora ou autor apostar pola súa obra. Escribir en galego, hoxe en día, é tirarse ao baleiro. E todo isto tendo en conta que, tal como van as cousas, a literatura galega vivirá máis anos que a súa lingua.

REVISTA ABRIL

Pois este mes publico o meu segundo poemario deste ano, o cuarto libro en seis meses, Palabras mortas coa Editorial Medulia, que creo que non vai deixar ninguén na zona neutral. E despois, probablemente, descansarei. Teño un par de poemarios inéditos circulando por aí, pero a menos que perda o meu traballo, creo que vou pasar un tempo longo sen escribir libro ningún. De narrativa teño a gabeta baleira (ou case). E non é que non queira escribir, teño dúas ducias de novelas na cabeza, é que non me dá a vida. Supoño que pronto publicarei en redes un deses posts autoinmolatorios tipo “Abandono para sempre a escrita… pero de forma temporal”.

Tensi Gesteira
Crítica literaria