REVISTA SETEMBRO

Dez libros para coñecer Galicia

Este xoves 25 de xullo celébrase o Día de Galicia. Existen moitas formas de coñecer o noso propio territorio e a súa historia, e a lectura é un dos mellores. A continuación recompilamos dez libros ben distintos que teñen a Galicia como protagonista, cada un desde o seu particular prisma. Premendo no título de cada un poderás acceder á tenda en liña para mercar un exemplar.

Que pasa co galego? de Fernando Ramallo – Xerais

Responde a trinta e dúas preguntas fundamentais sobre a situación social da lingua galega: que é ser neofalante?, canta xente fala galego en Galicia?, falamos todas e todos o mesmo galego?, que significa ser bilingüe?, fala galego a mocidade?, pode facer máis o sistema educativo a prol do galego?, úsase o galego nas redes sociais?, como superar os prexuízos lingüísticos?, como podo eu contribuír ao futuro do idioma?, que sería Galicia sen o galego?, como mudou a situación sociolingüística nos últimos cen anos?…

Galicia reducida de Rodri Suárez – Edicións Morgante

É o momento de mirarse o embigo e recoñecer que a autonomía galega se construíu cun imaxinario conservador, que segue vixente e en demasiadas ocasións coa axuda da propia esquerda. Este ensaio xornalístico invita a poñer o foco nas cidades motores do país: Vigo e A Coruña, e aposta por un galeguismo progresista do século XXI.

Outra idea de Galicia de Miguel Anxo Murado – Debate

Libro pensado inicialmente para explicar Galicia aos non galegos, pero que axiña se converteu nun texto de referencia dentro do noso propio país. Nel, o escritor Miguel-Anxo Murado, constrúe unha particular «teoría de Galicia», utilizando os recursos do libro de viaxes, a crítica literaria, a xeografía ou a historia. Cun estilo irónico pero apaixonado, o autor vai desmontando os tópicos acumulados sobre o país, tanto polos seus visitantes como polos propios galegos, para intentar descubrir e explicar o que caracteriza e distingue Galicia.

Río Miño. Unha viaxe entre solsticios de Xesús Fraga – Kalandraka

Un percorrido polo principal río do país e as terras que o abranguen. Un redescubrimento da «columna vertebral, física e simbólica de Galicia», escrito polo recente Premio Nacional de Literatura Xesús Fraga.

Unha historia da música en Galicia de Fernando Fernández Rego – Galaxia

O libro máis ambicioso sobre a nosa música ata a data. Un percorrido de máis de seis décadas pola música galega que comeza con aquelas orquestras que percorrían o mundo en furgonetas por estradas imposibles e continúa coas formacións que viñeron despois co pop, rock, beat, yé-yé, progresivo, jazz rock, folk, garage, blues, surf, a canción de autor, a movida dos anos 80, que arranca en Vigo… O autor manexa centos de horas de entrevistas que dan voz aqueles pioneiros que construíron as partituras felices da música galega. Máis de mil imaxes de discos, grupos, festivais… fan deste libro unha cumprida enciclopedia sobre a música de nós.

Libro negro da lingua galega de Carlos Callón – Xerais

Por vez primeira un libro céntrase en recoller e explicar testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos. Nas súas páxinas abordamos a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 até 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos, o método do anel etc. Abrimos un camiño para o estudo das multas franquistas por “hablar al público en gallego» e das inspeccións por «exagerado acento gallego”.  Ollamos o caso do taxista que perdería o traballo se en 48 horas non rotulaba “Rianjo” no seu vehículo e lembramos que en 1980 o Ministerio de Educación expedientaba e exhortaba a «repudiar» o profesorado que ensinaba en galego sen cobertura legal. 

Galicia Neghra de VVAA (Luzes)

Un libro que vén hackear o lado escuro de Galicia. Xente que mata a ferro, a lume ou a man. Non son manifestacións do mal absoluto, senón froito de momentos ou intereses concretos de persoas determinadas. Galicia neghra é unha compilación de crónicas e reportaxes sobre eses momentos, persoas e intereses. Escritos para tentar de arroxar luz en casos como o de Asunta e o de Diana Quer, a ‘Operación Carioca’ sobre as redes de prostitución con implicación policial en Lugo e a ‘Pokémon’ de corrupción municipal á que deu orixe, o Códice Calixtino e o metílico de Ourense, os asasinatos dun garañón de Sabucedo e o dun holandés en Petín, a traxedia de Angrois e os incendios forestais, a seita dos miguelianos e o serial killer galego que aterrorizou Lisboa a mediados do XIX.

Crónica da Galiza Bizarra de Carlos Solla – Morgante Edicións

Reúne, ao longo de 120 anos, 125 microhistorias de rara caste, misteriosas e sorprendentes, fabulosas e extraordinarias en sentido amplo; aparecidas na frutuosa prensa galega de aquén e alén mar, upadas na peaña da primeira plana ou desapercibidas nun recuncho da páxina par. Neste volume ordénanse, dende o ano 1848 até o ano 1968, unha centena longa de textos xornalísticos, devindos por decantación en relatos breves; contos cativos hibridados de impactante veracidade, arroubadora mitoloxía e final aberto; o suceso elevado ao expoñente do prodixio.

As bicicletas si son para Galicia – Catro Ventos Editora

Aborda o uso da bicicleta dende un punto de vista poliédrico: ecolóxico e ecoloxista, de mobilidade sustentable e feminista. Emporiso, hai moito máis: entrevistas a colectivos e persoas ciclousuarias que usan a bicicleta en diversos contextos de Galicia, consellos prácticos e apuntes terminolóxicos con soporte ilustrado.

Atlas da Galicia Pequeniña de César Cequeliños e Jorge Campos – Aira Editorial

Libro ilustrado pensado para crianzas de todas as idades que percorre moitas áreas da identidade nacional galega: xeografía, historia, lendas, personaxes célebres, festas e celebracións, símbolos… Un percorrido visual útil para aprender a coñecernos mellor como pobo, desenvolvido con mestría por César Cequeliños e por Jorge Campos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.