CAMELIAS MASCOTAS

Xa chega o sol

Como dicían os Beatles, xa chega o sol e, con el, numerosas actividades para realizar ao aire libre. Desde fesitivais, onde música e gastronomía van da man, ata eventos solidarios nos que pasar un bo rato en familia.

Darse un chapuzón na Etea tamén pode ser unha boa idea  |  Pablo Vázquez

Esta fin de semana ven cargadiña de eventos de todo tipo e para todos os gustos. Comezamos falando dos festivais que temos tanto en Vigo como arredores, e o primeiro que cabe destacar é o Vigo SeaFest, un festival que está tendo lugar na zona do Náutico, no que poderemos gozar tanto de tapas únicas como de concertos de alto nivel, como os de Morgan, Arizona Baby, Aurora & the Betrayers e Mel Semé. Ademais disto, teremos numerosas actividades e visitas guiadas, todas moi ligadas ao mar, polo que o bo tempo fai do SeaFest un evento moito máis divertido e agradable.

Se cruzamos a ría, moi preto da Ponte de Rande, temos o Morrasound, onde poderemos asistir a concertos de rock de moita calidade, como os de Deltonos, Guadalupe Plata e The Soul Jacket. En Nigrán temos o Solpor Monteferro, onde escoitar bandas como BlackStereo, Daniela DiCostas ou The Phantom Club mentres vemos o sol agocharse tras o Atlántico. Moita música e gastronomía tamén haberá, iso si, máis lonxe, no PortAmérica, en Caldas de Reis, con Vetusta Morla, Xoel López ou Izal. Todas elas paraxes de gran beleza que non lucirían igual sen a climatoloxía adecuada.

REVISTA NOVEMBRO

Seguindo cos festivais, ainda que neste caso deportivos, chega o sábado 7 o Festimáis ao ximnasio Máis que Auga de Navia, un evento solidario con multitude de actividades físicas cuxa recaudación destinarase á asociación Bicos de Papel. Lembremos que este evento ía ter lugar fai unha semana, pero a chuvia estragou os plans da organización. E xa que estamos con eventos solidarios, o domingo en Samil, na piscina da Ponte de Rande e arredores, temos durante todo o día o evento ‘Móllate pola esclerose múltiple’, onde poderemos realizar numerosas actividades na auga e colaborar cunha boa causa.

Se eres dos que prefiren pasar os días de sol na praia, tamén podes pasarte pola biblioteca que estará situada durante o verán no paseo de Samil, frente a praia da Argazada, grazas ao programa Os Libros ao Sol. Ademais de poder coller libros, haberá moitas actividades dirixidas aos máis cativos, como xogos, concursos ou contacontos. E se te tiran máis os libros que outra cousa, ata o sábado tes a Feira do Libro na Porta do Sol!

En definitiva, sexan cales sexan os teus gustos, algo tes para facer esta fin de semana en Vigo, ou preto, ao aire libre: música, gastronomía, deporte, chapuzóns, lectura, actividades para os pequechos… Imposible aburrirse!