REVISTA NADAL

Vinte proxectos de contido dixital en galego compiten polo premio Youtubeiras+

O sábado 1 de febreiro de 2025 terá lugar a entrega dos Premios Youtubeiras+ 2024. A gala será no Pazo da Cultura de Narón, estará presentada por Javi Sánchez Castro (Meiga-i) e contará coa actuación musical de De Ninghures. 

Unha vintena de proxectos de Youtube e Tik Tok son os finalistas dos premios Youtubeiras+, que este ano engadiu o símbolo matemático ao nome debido á apertura a novas redes sociais. Este ano presentáronse un total de 89 canles (49 de Youtube e 40 de Tik Tok), que en total suman case 20.000 minutos de contido en galego. As persoas gañadoras de cada unha das sete categorías recibirá 1250 €.

O sábado 1 de febreiro de 2025 terá lugar a entrega dos Premios Youtubeiras+ 2024. A gala será no Pazo da Cultura de Narón, estará presentada por Javi Sánchez Castro (Meiga-i) e contará coa actuación musical de De Ninghures. Nesta edición, a Gala de entrega de premios estará precedida por diversas actividades, como un Fiadeiro Dixital da man de Toxío, para dar a coñecer o que se está a facer en galego na Rede e un aperitivo previo á gala con directo nas redes, guiado por Gabri Fuentes.

Para asistir podes retirar entrada no propio Pazo da Cultura, vía telefónica no 981 102 897, de luns a sábado, de 09:30 h -14:00 h e de 17:30 h -20:30 h, ou a través de taquilla.pazo@naron.gal.

Youtubeiras+ é unha iniciativa de dinamización lingüística que xorde no ano 2015, no marco do IX Curso de verán de dinamización lingüística “Traballando en lingua”, organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa CTNL e a SXPL e dedicado á mocidade. Paseniño fóronse sumando diferentes entidades coa vontade de promover e impulsar o uso do idioma e a creación de contidos en lingua galega na Rede.

Hoxe forman parte deste proxecto máis dunha ducia de organismos públicos: os concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Youtubeiras+ xorde co principal obxectivo de incrementar e poñer en valor a presenza do galego en Internet e as redes sociais.