V concurso de relatos Vigo Histórico
Vigo volve a converterse en escena literaria co concurso de relatos Vigo Histórico. A acción de todos os escritos que se presenten ao certame ten que desenvolverse na cidade.
Mañá 6 de abril, ábrese o prazo para participar na quinta edición do concurso Vigo Histórico. Dous son os requisitos que deben cumprir as obras participantes: non exceder os 8.000 caracteres e Vigo debe ser o escenario onde transcorran os feitos. É a quinta edición deste concurso organizado por Editorial Elvira, pero que como explica o seu director, Xabier Romero, “é un concurso que xa pertence á cidade. É da cidade”.
As obras poden estar escritas en galego ou castelán e deben presentarse antes do 1 de xullo. Despois será o xurado o que decidirá que relatos son merecedores do primeiro premio, valorado en 1.000 €; segundo premio, 500 €; e os 4 accésits de 200 € cada un. Os xurado está formado por coñecidas persoas ligadas ao mundo da cultura viguesa, como son a escritora Ledicia Costas, o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta, a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero e o profesor e escritor Julio Alonso.
Entre o 28 de setembro e o 5 de outubro darase a coñecer os gañadores do concurso e no mes de decembro se realizará o acto de entrega dos premios, que irá acompañado da presentación de ‘Relatos na Rúa’. Un libro composto polos relatos premiados e unha selección dos mellores que se presenten.
Unha das novidades desta edición é a colaboración coa Fundación Igualarte, que recibirá unha porcentaxe do recadado coa venta do libro da derradeira edición. Cristina Lago, directora de Igualarte, que tamén estivo na presentación do certame, amosou o seu agradecemento e sinalou que certames coma este “son unha oportunidade para amosar a diversidade. Todos somos diferentes e empregamos a arte nas súas diferentes vertentes para expresarnos”.
Podes consultar as bases do concurso na web de Editorial Elvira, organizadora do evento.