Transfórmate en mestre de yoga con Mahashakti
A primeira semana de outubro darán comezo en Vigo os cursos para profesores impartidos por Ioga Integral Mahashakti, unha escola de ioga integral que imparte formación para instructores por toda España e que conta cun completo programa de traballo persoal e aprendizaxe de pedagoxía do ioga, recoñecido polas asociacións máis importantes en España e Europa nesta materia.
Se es un apaixonado do ioga e queres converter esa afeción en profesión, os cursos de Ioga Integral Mahashakti poden ser a ferramenta que precisas para dar o paso. Mahashakti é unha experimentada escola que ofrece cursos de ioga integral, retiros e formación de profesores . En vigo as súas formacións realízanse en Savia Ioga Integral, con quen comparten a visión holística e integradora desta milenaria disciplina, que mellora as capacidades físicas e mentais de quen a practica. Isto quere dicir que o foco principal non está só en realizar con soltura os asanas (posturas) característicos do ioga, tamén é importante aprender a respirar e a meditar, dando importancia á esencia espiritual da práctica.
O Curso de formación de profesores en ioga integral ten unha duración de 2 anos, durante os cales se imparten 500 horas lectivas. As próximas quendas comezan o venres 9 de outubro para o primeiro ano e o sábado 10 para os estudantes de segundo ano. A partir de entón os alumnos acudirán ao centro un día ó mes. Para quen teña experiencia previa na docencia de ioga e poda acreditala, en Mahashakti tamén imparten un Curso de actualización para profesores, co que acadar a certificación de mestre nun ano, ao tempo que se asentan e agrandan os coñecementos.
Ademáis das clases presenciais, a formación contempla outras 700 horas de autopráctica individual que o alumno deberá realizar na casa. Desde a escola explican que esta tarefa é fundamental para acadar un bo coñecemento da materia. “Guiamos aos futuros profesores nunha experiencia de autodescubrimento co fin de que experimenten por si mesmo que somos moito máis que un corpo”, explica Savitri, unha das docentes do curso. “As habilidades pedagóxicas deben vir despois de experimentar o proceso en profundidade no corpo e mente do futuro profesor”, incide a formadora.
Nesta liña, Savitri detalla que os cursos para futuros profesores están baseados en dous aspectos. En primeiro lugar o mencionado traballo persoal e íntimo que deben facer os participantes para integrar o ioga como autoferramenta para o seu benestar físico mental e emocional. Isto é indispensable para poder levar a cabo a segunda fase: adquirir as ferramentas para compartir ese coñecemento, algo que nesta escola se practica nas aulas e tamén a través da plataforma online, na que o estudantado atopará unha gran cantidade de materiais, como fichas ou vídeos, coas que atopar á súa propia linguaxe como mestre.