CAMELIAS MASCOTAS

Teódulo R. Páramos, o músico que amenizou os cafés vigueses hai un século

O director artístico da Orquestra Clásica de Vigo Manuel Martínez Torres edita o libro Canto de emigración coa participación de Pepe Coira, Alejo Amoedo e Marcos Amado “Santiso”. Esta investigación céntrase na música e a figura de Teódulo R. Páramos e os espazos de lecer en Vigo entre 1920 e 1950. Ademais do libro, que se presenta este martes 7 na EMAO, haberá un concerto da Clásica o 25 de marzo no auditorio do Teatro Afundación.

Sabes quen é Teódulo R. Páramos? O normal é que a resposta sexa negativa, pois a súa figura caeu no esquecemento ata que Manuel Martínez atopou uns documentos que remataron por convertirse nun libro. Canto de emigración é o seu nome, e ademais do propio Manuel, nel participan o cineasta Pepe Coira, o pianista Alejo Amoedo e Marcos Amado Rodríguez “Santiso”. A Deputación de Pontevedra colabora neste traballo que pretende dar luz á música viguesa de mediados do século pasado. A presentación é o próximo martes 7 ás 10:30 na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios.

Teódulo R. Páramos foi un compositor tudense que se movía entre cafés, teatros, cinemas, cuplés, cabarés e transatlánticos. Canto de emigración pon o foco no contexto e nos espazos próximos da cidade de Vigo para tecer unha historia de moitos empregando como fío as pegadas que deixou a vida de Teódulo. Grazas a seguir os pasos do compositor, o público poderá coñecer a vida musical na cidade de Vigo entre 1920 e 1950, un tempo previo á reprodución mecánica da música.

A obra pon en valor o traballo destes músicos fundamentais daquela época, elaborando unha biografía e catalogación da obra de Páramos e deixando constancia do seu traballo ao localizar e identificar os materiais existentes. O seu arquivo de partituras mostra o eclecticismo propio da época, na que se combinaban os tangos, os foxtrots, as muiñeiras ou os pasodobres, obras de produción propia mesturadas con pezas que lle enviaban outros artistas ou que mercaba nas súas viaxes en barco. Estes arquivos son unha testemuña do gusto musical dunha época e unha demostración da modernidade de Vigo nesas décadas.

 O antigo Gran Café Colón en Policarpo Sanz | Arquivo Pacheco

Do papel á pantalla (e ao escenario)

REVISTA NOVEMBRO

A Orquestra Clásica de Vigo interpretará en directo a banda sonora do filme Canto de emigración o sábado 25 de marzo, ás 20:30 horas no auditorio do Teatro Afundación. Os billetes para o concerto xa están á venda na plataforma Ataquilla desde 13 euros. Tamén haberá entradas dispoñibles na billeteira antes do concerto, a un prezo de 5 euros para persoas menores de 30 anos.

Canto de emigración é a imaxinación do filme perdido de Antonio Román, obra única e vangardista do patrimonio fílmico galego. No ano 1935 estreábase en Madrid a primeira película do director ourensán, unha peza de vinte minutos realizado á maneira da vangarda socialista que retrataba a dureza do traballo no campo e o drama da emigración seguindo o fío condutor da música do compositor tudense Teódulo R. Páramos. Este filme perdeuse trala guerra e na actualidade o material localizado son as cartas, o guión, entrevistas en revistas da época, dous fotogramas e o manuscrito da partitura orixinal, conservado con celo pola familia do compositor.

Canto de emigración é un traballo de investigación e reconstrución dirixido polo cineasta Pepe Coira no que se busca chegar á imaxe a través dos vestixios existentes, empregando a partitura como fonte principal. É, polo tanto, un proceso xerado á inversa das recreacións habituais. Con edición crítica e dirección musical de Manuel Martínez Álvarez-Nava, o concerto terá como centro esta peza única de Teódulo R. Páramos, interpretada en directo pola Orquestra Clásica de Vigo e poñéndoa en relación coa música dos cafés, cinemas e teatros da cidade, nos que o compositor participaba activamente.