Empezaron a bailar swing na cidade do Porto hai 12 anos, e pouco tardaron en traer eses pasos enérxicos e cheos de ritmo a Galicia. Falamos de Elena Branco e Jorge Patiño que, primeiro en Bueu, despois en Cangas, e agora en Vigo, rescataron este baile centenario que apenas se practicaba na nosa terra e crearon Swing On.
A revista portuguesa Time Out foi a culpable de que Elena Branco e Jorge Patiño probaran sorte nesto de bailar swing. O que comezou como un pasatempo converteuse nunha paixón primeiro e máis adiante nun traballo. En 2014 bota a andar (ou a bailar) Swing On Vigo, despois de dous anos espallando este baile centenario ao outro lado da ría. Baixo ese nome ofertan cursos e organizan eventos de todo tipo: bailes na rúa, concertos, excursións, festivais… Este curso que se inicia agora, repiten con tres clases regulares: Lindy Hop, Solo Jazz e claqué; o primeiro é un baile afroamericano en parella orixinario do Harlem, en pleno auxe do swing nos anos trinta; o segundo vén sendo algo parecido, pero individual, con forte influencia do charlestón; por último, o claqué baséase no movemento rítmico dos pes, xerando un son cos zapatos do máis musical. Ademais destes cursos continuados, haberá obradoiros puntuais tanto de iniciación como para xente que xa ten algo de experiencia na materia. Tras o peche do Almacén Cultural en 2021 a súa nova sede pasou a ser Simia, un coworking situado á beira de Churruca.
“É un baile moi variado, e case sempre que ves a alguén bailar lindy hop faino cun sorriso na cara”, conta Patiño. “A enerxía e a ledicia son as sensacións predominantes, pero tamén hai lugar para o recollemento”, engade Branco. Ademais da parte física do baile, as súas clases tamén se orientan á comprensión e orixes da cultura que hai detrás deste movemento artístico. O contexto social, xeográfico, histórico e racial é básico á hora de valorar a importancia que ten o jazz e o swing na historia da música e da danza. “Hai quen ve este baile como algo antigo ou rancio, pero en realidade se ves vídeos de hai cen anos decátaste de que era algo súper salvaxe e desafiante, case ata punky“, sinalan. A parella responsable destaca que rompen os roles tradicionais, nos que habitualmente o home é o leader e a muller exerce de follower. Aquí todo o alumnado aprende a desenvolverse con soltura en ambos os dous roles.