Rataloka Tattoo abriu no 2017 capitaneado por Andrea, tatuadora en activo desde o 2012. Nos comezos ela era a única fronte ao estudio de tatuaxes, mais na actualidade, ademais dela, o establecemento conta con tres artistas residentes, un que intercala Vigo e Frankfurt quincenalmente e algúns invitados do resto da Península.
Os puntos fortes do seu deseño son a cor sólida e o trazo da liña dentro do estilo neotradicional, mais non ten reparos en adaptarse ás esixencias da clientela.
Desde A Movida falamos con ela para a reportaxe A flor de pel e nos dixo o seguinte: «Sempre me gustou moito debuxar, e como me gustaban as tatuaxes para min, decidín mercar unha máquina e poñerme ao choio», rememora Andrea. Sobre o aumento da demanda nos últimos anos opina que «os roles están cambiando: antes as tatuaxes levábanas persoas en exclusión social e agora lévanas futbolistas e xente que sae na televisión». A pesar dese efecto baseado en personaxes influentes, Andrea non cre que isto sexa unha moda pasaxeira, xa que é algo que leva anos estendido no resto de Europa e que pouco a pouco está a asentarse no noso territorio.
Horario:
Luns: 16.30 – 20.30
Martes a sábado: 10.30- 13.30 e 16:30–20:30
Domingo: Pechado