Con máis de 650 centros repartidos polo mundo, case 550 no Estado, e dous en Vigo, a empresa catalá leva dúas décadas dedicándose ao ensino da lingua inglesa mediante un método singular que consiste en aproximar a aprendizaxe deste novo idioma ao da lingua materna, sen agrupar a materia como acontece na educación regulada. E isto como se fai? Pois falándolles en inglés aos pequenos, empregando todo tipo de conxugacións e léxico. Co paso do tempo, a rapazada empeza a asimilar e asociar as palabras coas accións ou cousas ás que se refiren. As actividades de lectura e escrita non empezan ata a idade de 8 anos, «pois antes queremos que sexan capaces de construír frases completas de forma espontánea», explica Sofia El Maskin Pérez, directora da academia da rúa de Urzaiz. O obxectivo é que, chegada a maioría de idade, o alumnado dispoña dun nivel equivalente ao C2, isto é, practicamente plurilingüe.